PP e PSOE votan no Parlamento europeo un informe sobre as Rías que non garante seu saneamento integral
O PP impuxo na Eurocámara, co apoio do PSOE, a aprobación dun informe que non contempla solucións para o saneamento integral das Rías galegas. O BNG lamenta que a súa preocupación principal fose eliminar as críticas á Xunta e ao Goberno central que presiden.
Os votos do PP e do PSOE deron o seu apoio ao informe que saíu aprobado por 20 votos a favor e 7 en contra. O BNG a través do Grupo Verdes/ALE mostrou a súa oposición que se sumou a de dúas das tres persoas encargadas oficialmente de elaborar o informe. Trátase da liberal Angelica Werthmann e a eurodeputada do Grupo Verdes/ALE, Tatajana Zdanoka. Ambas parlamentarias presentaron unha “opinión de disenso” e reclamaron tamén a eliminación do seu nome do informe, demanda singular neste tipo de documentos.
A secretaria de Política Internacional do BNG, Ana Miranda, explicou a súa oposición ao informe que se “foi descafeinando ao longo destes meses de tramitación na Eurocámara por imposición do PP e coa compracencia final do PSOE”. O BNG presentou 41 emendas que foron rexeitadas, entre elas a que reclamaba fondos para sufragar as infraestruturas necesarias para o saneamento integral das rías galegas.
“Farsa que non cumpre expectativas”
Para Ana Miranda, o informe final é unha “farsa que non cumpre as expectativas dos peticionarios, miles de galegos que levan anos loitando para que o saneamento integral das rías
Retirada de lodos
As Administracións públicas terán, no entanto, que retirar os lodos da Ría do Burgo, ao prosperar a emenda 72 do BNG. Os nacionalistas, a través do Grupo Verdes/ALE, demandaban que se garantise con fondos europeos o saneamento integral das rías, un programa específico para a limpeza do litoral con aporte orzamentario, traballar co obxectivo da recuperación da actividade extractiva e un recoñecemento a colectivos e persoas que levan anos defendendo as rías sen apoio institucional. Segundo o BNG perdeuse a oportunidade de botar adiante un informe “que aportase solucións” para o saneamento integral das nosas rías.