Unha ollada AFondo aos retos da telefonía móbil

Desde que apareceu o primeiro aparello de telefonía móbil até hoxe moito ten mudado o sector. Daqueles enormes trebellos fica ben pouco e na actualidade caracterízanse en boa medida por ofreceren un amplo abano de funcións en tamaños cada vez máis pequenos. Faite con el na nosa loxa.

 

Mallando no Android presenta esta semana un caderno monográfico arredor dos novos retos que atopa a telefonía móbil do futuro. Con motivo do Mobile World Congress, Sermos Galiza publica un Afondo no que ollar desde múltiples temáticas un dos sectores que están a sortear mellor a crise. 

Coordenado polo editor de Mallando no Android, Iago Varela, achegamos un caderno de análise que foca a atención na telefonía móbil. Desde os seus comezos, alá polo 1973 coa aparición do Motorola DynaTAC 8000, o mundo dos teléfonos inarámicos ten mudado moito. Tanto que hoxe está a ser un dos sectores económicos máis dinámicos e con mellores resultados, malia a crise. 

Perante estas mudanzas Iago Varela analiza --xunto con Luís P. Castelo e Álvaro M. Souto-- a miniaturización do hadware, as novas tendencias en comunicación sen fíos, o mundo das aplicacións ou dos wearables --tecnoloxía para levar posta. Aliás entrevista a Iago Soto, enxeñeiro de telecomunicacións e socio-fundador de Quobis, a única empresa galega con presenza no Mobile World Congress. 

Soto, amósase certo de que "falta vontade política e empresarial para Galiza ser relevante neste sector". Aliás, este empresario galego levará a Barcelona algúns dos últimos proxectos nos que Quobis está a traballar, como os click-to-call, unha aplicación web na que ao clickar un botón se realiza unha chamada telefónica en tempo real entre a empresa e o cliente. 

Aliás, o AFondo pon a proba as pantallas dos móbiles e faise unha pregunta, é todo cuestión de tamaño, nun momento en que os teléfonos volven ser cada vez máis grandes? Tamén así afondamos nas aplicacións de mensaxería instantánea e a rivalidade entre WhatsApp e Telegram. 

Un caderno para coñecer (un pouco) máis, este inmenso mundo da tecnoloxía móbil. Podes facerte con el na nosa loxa, por só 0,50€.