Feijóo volta da Moncloa sen ningún compromiso novo de Rajoy

Feijóo non está neste momento para importunar de máis a Rajoy. Iso non fai parte do seu guión. A cimeira da Moncloa non deitou resultado concreto ningún.

 

Todo o máis que conseguiu Feijóo foi ver "receptivo" a Rajoy ante a petición de que os afectados polas preferentes podan recibir diñeiro e non accións polos seus depósitos. Ante a imprensa, concluída a cimeira, Feijóo non avanzou nada sobre as quitas. Todo apunta a que as vítimas do calote perderán no mínimo o 40 por cento dos seus aforros.

O grande logro de Feijóo foi un adxectivo: receptivo. Así viu o presidente da Xunta ao titular do Goberno español, no primeiro encontro entre ambos após Feijóo ter sido reeleito en Galiza. Receptivo á proposta que se lle formula desde o Goberno galego para as vítimas do calote das preferentes veren restituídos os seus aforros en diñeiro líquido e non en forma de accións que, dadas as flutuacións dos mercados, poderían virar en papel mollado.

Feijóo dixo ver "receptivo" a Rajoy sobre as preferentes, mas a quita que prepara Madrid suporá perdas de, no mínimo, o 40 por cento para as vítimas deste calote

Mas o adxectivo receptivo non equivale a ningún compromiso e non pasa de ser unha percepción subxectiva por parte de Feijóo. Non arrancou ningún compromiso concreto de Rajoy nese sentido. Feijóo evitou falar das quitas ás vítimas desta monumental estafa. Todo apunta a que o Goberno español traballa cun escenario de no mínimo unha redución do 40 por cento do valor dos depósitos destes pequenos aforradores.

A reunión non deu moito máis de si. O compromiso consabido de Rajoy de o AVE a Galiza concluír en 2018 (isto é, 26 anos despois de chegar a Sevilla). Vagas referencias de Feijóo a demanda de carga de traballo para os esteleiros e levantamento do veto ao dique flotante. Feijóo foi incapaz de concretar a que se tería comprometido Rajoy a este respeito.

Como acostuma, Feijóo gabouse dos sucesos macroeconómicos do seu goberno e presentouse como campión no control do déficit. Nada dixo de como pensa rebaixar a cifra de desemprego, en cifras históricas na Galiza.