Feijóo enfrenta esta cuarta feira un novo exame parlamentar sobre as súas relacións co narco Dorado

Alberto Núñez Feijóo

A question time da cuarta feira no Parlamento galego será monográfica: as relacións de Feijóo co narco Dorado. Question time é o nome que recebe a sesión de control en Westminster: as perguntas da oposición ao primeiro ministro. A diferenza de na Galiza, @s cidadáns poden acompañala en directo por televisión. Aquí a question time é peneirada polos informativos da CRTVG.

 

A TVG ten dúas canles, mas os seus directivos néganse a retransmitiren ao vivo as comparecencias de Feijóo na Cámara. A máis recente, a monográfica sobre as xa míticas fotos con Dorado, non apareceu na súa integridade nos ecrás, nas pantallas, da televisión galega. Só puido ser acompañada através da web da CRTVG, loxicamente cun impacto en audiencia muito menor.

Esta cuarta feira, os portavoces da oposición inquerirán a Feijóo sobre a súa relación con Marcial Dorado e especificamente sobre os contratos que a administración galega asinou con empresas pertencentes ao narcotraficante.

Na súa comparecencia perante o Pleno da Cámara, Feijóo omitiu o dado de que, desde que el é presidente, a Xunta facturou arredor de 5.000 euros con empresas de Dorado, após este ter sido procesado polo xuíz Taín por branqueo de capitais e narcotráfico. O dado forneceuno o proprio Feijóo nunha comparecencia perante a imprensa.

Onte mesmo, o diario El País informaba de que o xuíz Taín non dera traslado á fiscalía do contido das conversas que Feijóo e Dorado mantiveron entre 2001 e 2003 e que foron gravadas no curso da investigación que levou ao procesamento e posterior encarceramento do capo arousán.

Non se sabe aínda de que forma soubo Feijóo que a policía achara fotografías del con Dorado nun rexistro das propriedades do narcotraficante.

Nunha entrevista este domingo con Ser-Galiza, o portavoz do grupo parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, asegurou que, na súa comparecencia do 10 de Abril, Feijóo se dedicou a atacar a oposición, no canto de dar explicacións convincentes sobre as súas relacións "cun capo da mafia".