A Coruña rexistra o primeiro peche dun centro comercial

Centro Dolcevita

O centro comercial Dolce Vita da Coruña pecha as súas portas cinco anos despois de abrir ao público máis de sesenta mil metros cadrados de uso comercial con case douscentos establecementos. 

O próximo día 31 será a última xornada na que os xa poucos locais ocupados no centro comercial que se inaugurou hai pouco máis de cinco anos na Coruña abran as súas portas. A crise e a apertura do centro Marineda City son algunhas das causas que levaron ao tacho ao complexo propiedade do grupo Chamartín. Máis de 60.000 metros cadrados destinado a comercio e 175.000 de superficie total quedan agora en desuso, no primeiro centro comercial que pecha na Galiza. 

Para o Grupo Municipal do BNG o peche do centro comercial Dolce Vita é consecuencia “dunha equivocada política urbanística e económica centrada no deseño da cidade como un gran shopping center, en detrimento do pequeno e mediano comercio de barrio”. Pola súa banda,o grupo municipal de Esquerda Unida-Os Verdes propuxo a sinatura dun convenio de colaboración entre o Concello e Dolce Vita para a utilización do centro como sede do Servizo Integral de Apoio Municipal a Emprendedores.