Convocan polas redes un escrache na morada de Feijóo
Este sábado ás 18.00 horas en Monte Pío. O chamamento que foi difundido a través das redes sociais leva por nome 'Negra sombra'.
A residencia oficial de Alberto Núñez Feijóo como presidente da Xunta de Galiza será o palco perante o cal se realice un escrache convocado este sábado ás 18.00 horas. O evento foi partillado nas redes sociais.
Baixo o lema 'Negra sombra' @s convocantes chaman a unha "festa protesta" e animan á cidadanía a se sumar con faixas, comida e bebida.
A convocatoria sucédese nunha semana de intensas protestas contra líderes do Partido Popular en Madrid. Neste senso, o presidente do goberno español foi apupado por ducias de manifestantes ás portas da sede da formación na rúa Génova con motivo da reunión da dirección executiva do PP. Aliás, a morada da vice-presidenta do executivo, Soraya Sáenz de Santamaría tamén foi obxectivo da campaña de escraches que desenvolve a Plataforma de Afectad@s pola Hipoteca.
Este tipo de actuacións ten por obxectivo sinalar publicamente aquel@s líderes(as) polític@s que votaron en contra da dación en pagamento para as execucións hipotecarias mais comeza a se converter nunha fórmulas cada vez máis recorrente para todo tipo de causa. Neste senso, as plataformas de afectad@s polo calote das preferentes aseguraban esta mesma semana que barallaban a posibilidade de empregaren este tipo de accións para continuar adiante coa súa loita.