Unha concentración de produtores diante da Xunta contra os baixos prezos do leite

Foto: Xornal Agrario

Un cento de produtores, convocados pola Organización de Produtores Lácteos, OPL, concentráronse diante da Consellaría de Medio Rural para amosar a súa protesta pola situación do sector, en especial, contra os baixos prezos do leite. 

 

A OPL denunciou na concentración diante de San Caetano, os edificios administrativos da Xunta nos que se atopa a Consellería de Medio Rural, a desatención por parte das administracións da grave situación pola que atravesa o sector. Arredor dun cento de produtores secundaron a iniciativa que foi a primeira das mobilizacións que a OPL promoverá contra a situación que pon aos gandeiros galegos nas peores condicións de todo o Estado. 

A OPL cualificou de “ridículos” os prezos que están a cobrar por litro de leite, por baixo dos custes de produción, o que converte en inviábeis as súas explotacións. Os prezos que, segundo sinalaron na concentración, está a impoñer a industria pode conducir a un progresivo peche das explotacións e o empobrecemento e abandono do sector lácteo no país.