Compromiso por Galicia quer facer “reverdecer” Galeusca

Xoán Bascua e Izaskun Bilbao

Devolverlle a titularidade do Panteón de Galegos Ilustres ao pobo galego como metáfora da vontade de “ser de novo unha nación”. Foi o cerne do discurso do secretario xeral de Compromiso por Galicia, Xoán Bascuas, que apostou en facer “reverdecer” Galeusca. 

 

CxG escolleu o Panteón de Galegos Ilustres, en San Domingos de Bonaval, para o acto central do Día da Patria Galega, unha ofrenda floral na que o secretario xeral da formación, Xoán Bascuas, se acompañou da eurodeputada do PNV Izaskun Bilbao. A vontade de “ser de novo unha nación” e a confianza en que Galeuska é a única posibilidade de conseguilo centrou o breve discurso de Bascuas diante da tumba de Castelao. Arredor de 200 persoas participaron na ofrenda floral do Panteón de Galegos Ilustres, primeiro acto dunha xornada que continuaría nun xantar e tarde de convivio no Parque de Bonaval. 

Foi o propio edificio de Bonaval, no que está instalado o Panteón de Galegos Ilustres, o que lle permitiu a Bascuas construír un discurso encamiñado á defensa da necesidade de que Galiza volva ser unha nación. Bonaval converteuse desta maneira na metáfora acaída para explicar o transcorrer do pobo galego nos derradeiros cen anos e a urxencia de dar un paso máis, volver a darlle ao edificio a titularidade pública e ao pobo galego a súa condición de nación.

Recuperar os sentidos e a nación

Partiu Bascuas do San Domingos que preside a Bonaval. “A historiografía española inventou a peregrinaxe dun santo seu, Domingo Guzmán, cando nunca estivo en Galiza”, dixo, como metáfora da historia do propio país. Que Bonaval fose durante cen anos hospicio serviulle ta

mén para retratar un “país orfo” no que, cada vez máis xente se sente orfa de lingua, de identidade e nación. “Compromiso vai facer que deixe de ser orfa”, prometeu. Tamén foi Bonaval na súa complexa historia un centro para xordos e mudos, o que lle valeu ao secretario xeral de CxG a falar da necesidade de que “este país recupere os sentidos e sexa de novo unha nación”. Anunciou entón Bascuas que CxG defenderá unha iniciativa encamiñada a devolverlle ao Panteón de Galegos Ilustres -en mans da Igrexa- a titularidade pública, como metáfora outravolta, da necesidade de novo de que Galiza sexa unha nación. 

Diante da tumba de Castelao, o secretario xeral de Compromiso por Galicia, Xoán Carlos Bascuas, lembrou a relación do autor de Sempre en Galiza con Aguirre e Irujo e referiuse a unha carta de 1945 na que defendía Galeuska como a opción para rematar co centralismo español. Acompañado de Izaskum Bilbao, a quen chamou “a nosa deputada”, defendeu un “reverdecer” de Galeusca como única posibilidade para volver recuperar os sentidos e a nación. 

CxG aproveitou a visita da eurodeputada Izaskum Bilbao para organizar unha xuntanza de traballo co secretario xeral, Xoán Bascuas, máis o secretario de Comunicación e Iniciativas Políticas no Parlamento Europeo, Paulo Carlos López, para preparar o traballo dos vindeiros meses na Eurocámara.