Baltar fillo non pon a “man no lume” polo seu pai

Baltar con Évole

Baltar fillo non pon a man no lume polo seu pai, procesado pola xustiza. O presidente da Deputación fixo do programa de Jordi Évole “Salvados” trending topic co cenit cando confesou que compriría agardar a xustiza para dilucidar a inocencia ou culpabilidade de seu pai, tamén seu antecesor. 

Cando Jordi Évole lle pregunta ao presidente da Deputación de Ourense, Baltar fillo, polo procesamento de seu pai, non dubida en responder “non poño a man no lume por ninguén”. O presentador repregunta, ante o sorprendente da súa resposta, mais o presidente da Deputación non dubida: “hai que agardar ao que diga xustiza, máis non poño a man no lume por prudencia”.

“Respecto absoluto á presunción de inocencia e aos pronunciamentos xudiciais”, dixo o titular da Deputación ourensá.

As redes fumegaban coa entrevista do Deputación da Deputación a quen Évole puxo en máis dun apuro, en especial cando lle preguntou polos salarios e as irregularidades de postos de confianza da Deputación. Canto ao xerente de Urbaourense, por exemplo, o salario ao fillo do anterior Baltar parecíalle “descabellado”; agora, Évole lembroulle que na actualidade é o seu asesor, “persoal de confianza”, apuntou o presidente. 

“A min elixíronme presidente da Deputación, dáse a casualidade de que o anterior é meu pai”, comezara na primeira intervención, remitíndose á maneira “democrática” de ser elixido. En varias ocasións, Baltar afeoulle a fala a Évole para recordarlle que o nome era “Ourense” e non “Orense”, como teimaba o entrevistador en repetir.