O acordo de PP, PSOE e AGE decide os novos nomes do padroado de AFundación

Abanca

Afonso Ribas Fraga, Ángel Sicart , Laura Mosquera Escudero e Eladio Fernández Pérez son as propostas do Parlamento para facerse responsábeis da obra social de AFundación. O BNG cualificou o acordo de “cambalache” político. 

Os catro membros do padroado de Afundación propostos polo Parlamento foron acordados en dúas xuntanzas da Mesa sobre as candidaturas presentadas por Alternativa Galega de Esquerda, Partido Popular e Partido dos Socialistas de Galiza. Afonso Ribas Fraga, Ángel Sicart , Laura Mosquera Escudero e Eladio Fernández Pérez son os nomes do novo padroado da nova fundación que se corresponde coa antiga obra social das caixas de aforro galegas, que responde á nova marca de Afundación. 

"Cambalache" di o BNG

O BNG cualificou de “cambalache e componenda” o acordo de PP, PSOE e AGE para designar os padróns da Fundación Obra Social de ABANCA. O voceiro parlamentar, Francisco Jorquera mostrou a súa protesta xa na Xunta de voceiros da pasada sexta feira e lamentou que o Parlamento furtara a posibilidade de debater e votar en pleno os padróns designados e a decisión se tomara nun órgano non político. Criticou que o acordo se tomara contra a demanda cidadá que reclama que decisións como estas se tomen “con transparencia e con luz e taquígrafos”.