A Fiscalía presenta demanda contra NGB polas preferentes

Manifestación de afectad@s polas preferentes
Máis de 1.700 contratos de afectad@s engrosan a demanda contra a entidade financeira

A Fiscalúa Superior da Galiza vén de presentar, segundo informan fontes de axencias, a demanda civil de acción colectiva contra Novagalicia Banco polas participacións preferentes e obrigas subordinadas perpetuas, uns contratos que afectan a máis de 43.000 clientes da entidade financeira.

Os 50 folios da demanda compleméntanse con 1.700 casos de afectad@s, segundo estas fontes, achegados tanto polo Instituto Galego de Consumo, como pola Fiscalía de Pontevedra ou mesmo colectivos de persoas prexudicadas por este tipo de contratos.

Cómpre lembrar que NGB acumula máis de 960 millóns de euros en emisións de preferentes, e que desenvolveu unha política de venda destes contratos que foi criticada xa desde diversas instancias ecponómicas, xudiciais e políticas.

A acción xudicial pedirá a nulidade das "cláusulas abusivas" sobre estes clientes que aceptaron preferentes e subordinadas. Se ben o que atinxe a NGB serían 43.000 persoas, no que atinxe ao conxunto das preferentes e diversas entidades financeiras na Galiza a cifra de prexudicados elevaríase a preto de 100.000.

Parlamento

A comezos do pasado mes de xuño, o BNG conseguiu o respaldo unánime da Cámara para dúas proposicións non de lei, sobre a fraude das preferentes e sobre a devolución das indemnizacións millonarias dos ex directivos de NGB. Neste último caso, a proposta nacionalista insta ao Goberno a que pida a intervención do Banco de España e do Ministerio de Economía para que tome as medidas oportunas a ese respecto