"Entón eu non era presidente e a outra persoa non tiña ningunha condena"

Entrevista a Feijóo en El Mundo. O presidente do goberno galego relativiza a súa estreita amizade co narco Dorado porque mentres se mantivo "eu non era presidente e a outra persoa non tiña ningunha condena". Dorado tórnase agora "na outra persoa". Feijóo nega que as fotos fosen filtradas desde o propio PP.

Feijóo admite implicitamente que sabía que existían sospeitas sobre as actividades delictivas de Dorado -de feito xa fora prendido na Operación Nécora-, mas tenta preservar a súa posición co argumento de que "non tiña ningunha condena". Feijóo nega que as fotos fosen filtradas desde o propio PP e móstrase convicto de que Rajoy será o candidato en 2015.

A entrevista produciuse o mesmo día en que o xornal 'El País' publicou as fotografías de Alberto Núñez Feijóo na compaña do narcotrafincante Marcial Dorado. Así o recoñece o propio medio na conversa que este domingo publica 'El Mundo', embora si actualizou o seu contido con algunha chamada telefónica ao presidente do goberno galego.

Feijóo nega con rotundidade que as fotografías fosen filtradas desde o Partido Popular e avanza que o candidato nas xerais de 2015 será Mariano Rajoy

Un dos problemas de Feijóo neste escándalo é que non está a ser capaz de se mover nun relato coherente e sen contradicións. A súa sobre-exposición aos meios -nas antípodas de Rajoy- estao a levar a cometer graves erros de comunicación. Nuns meios afirmou que ignoraba a que se dedicaba Dorado. Noutros puxo a énfase en que o seu amigo non fora condenado por ningunha actividade delictiva. Isto é, Feijóo -segundo esta versión- si tería sido consciente da existencia de sospeitas e mesmo de investigacións policiais arredor das actividades de quen o convidaba a pasar o fin de ano en Cascais. Iso non parecía importarlle demasiado, dado que, enfatiza agora, non existía ningunha causa pendente contra o seu amigo. Rachou a relación cando soubo que Marcial Dorado tiña xulgados aínda por visitar.

Para Núñez Feijóo, a publicación das fotografías "dúas décadas" despois de que foran tiradas segue a constituír unha campaña mediática orquestrada por aqueles --que sen chegar a nomear nunca-- pretenden amedoñalo visando que non "diga o que penso". "Non é un ataque político, senón persoal", advirte Feijóo, mais nega con rotundidade as voces que apuntan cara á "fogo amigo" na filtración das polémicas fotos. "Un compañeiro de partido non fai iso", afirma o presidente da Xunta desmentindo que as imaxes foran feitas públicas como resultado dunha guerra interna no Partido Popular. 

Marcial Dorado fora imputado por narcotráfico na Operación Nécora (1990), cinco anos antes das súas vacacións co daquela alto cargo da Xunta

Todo apuntaba a que Feijóo se convertiría no sucesor de Mariano Rajoy. E iso ergueu as sospeitas arredor de significad@s militantes do Partido Popular que poderían ter artellado o escándalo na procura de minar a figura do líder galego mais para o presidente é "non coñecer ao PP nin a min" pois segundo Núñez Feijóo o candidato ás eleccións xerais de 2015 será Mariano Rajoy e el, simplemente "un colaborador leal" que continuará á fronte da Xunta de Galiza. "Que ninguén teña dúbida ningunha", aclara o presidente. 

Feijóo defende modificacións legais que punan os escraches
Núñez Feijóo convertíase este sábado en obxectivo da campaña de escrache que encetou no Estado español promovida pola Plataforma de Afectad@s pola Hipoteca (PAH). Aínda que no caso do presidente da Xunta a convocatoria non tivo éxito, o deputado popular nas Cortes españolas, Carlos Delgado foi apupado ás portas da súa morada en Ourense por unha vintena de manifestantes que o sinalaron como un dos representantes parlamentares que se opuxo á dación en pagamento. 

Feijóo bate contra a PAH e advoga polo endurecemento lexislativo contra "prácticas intimidatorias" nas moradas de deputad@s populares

As críticas nas filas do Partido Popular son cada vez maiores cara á este tipo de accións consideradas por Nuñez Feijóo como "intolerábeis e inadmisíbeis". O presidente da Xunta amosouse moi molesto pola actuación da cidadanía que exixe solucións políticas aos despexos e denunciou como "violentas" as manifestacións ás portas dos domicilios onde viven "bebés de 14 meses". O líder popular referíase así ao escrache perante a morada de Soraya Saén de Santamaria argüíndo que non era "un político" senón "unha nai" que ten un bebé de 14 meses. 

Neste senso, o líder do PPdeG posicionouse a favor dun endurecemento legal que, segundo el, protexa "á inmensa maioría da sociedade" fronte a accións que até o momento se dirixen pacificamente contra deputad@s do Partido Popular. "Se cos actuais instrumentos do Estado de dereito non é posíbel facelo, haberá que melloralos" advertiu o líder do executivo ao tempo que denunciaba: "Que será o seguinte? Sinalar aos cidadáns votantes dun partido?".