Otegi após a sentenza do TC: "Non hai dragóns invencíbeis"

A máxima instancia española mantén preso o político vasco após o recurso presentado pola defensa de Otegi no marco do 'caso Betaragune'.

 

Un pleno do Tribunal Constitucional dividido acordou na terza feira (22 de xullo) manter na cadea a Arnaldo Otegi, onde tamén permanecen detid@s desde 2009 @s outr@s 4 condenad@s polo 'caso Betaragune'. A decisión foi adoptada con dous votos particulares emitido polo ponente, Juan Antonio Xiol, e a vicepresidenta, Adela Asua, aos que se adheriron outros tres xuíces: Encarnación Rosa, Fernando Valdés e Luis Ignacio Ortega. 

Nos textos que acompañan a sentencia @s maxistrad@s sinalan a existencia de "prexuízos" por parte da xuíza Ángela Murillo no xuízo da Audiencia Nacional española que, asemade, fora preciso repetir por orde do Tribunal Supremo. Neste senso, coidan que a negativa de Otegi a condenar a violencia de ETA foi empregada como un "elemento incriminatorio" para "probar" a pertenza do de Elgoibar á organización armada. 

Porén, @s restantes xuíces --como finalmente se reflicte na sentenza-- coidan que non se pode afirmar que Murillo "tiver unha idea preconcibida sobre a participación de Otegi nos feitos axuizados", aliás, o Constitucional sostén que "non se vulnerou a presunción de inocencia". 

Cinco maxistrad@s do Constitucional coidan que a presunción de inocencia de Otegi podería ter sido vulnerada por "prexuízos" da xuíza da Audiencia Nacional

Arnaldo Otegi, Sonia Jacinto, Arkaitz Rodríguez e Miren Zabaleta terán, pois, que esgotar a condena que lles foi imposta --entre seis anos e seis anos e medio-- e da que levan cumpridos cinco. O fallo do TC deixa sen percorrido no Estado español a tese da defensa que, no entanto, advirte de que estuda a posibilidade de acudir ao Tribunal de Dereitos Humanos da UE. Embora o ditame de Estrasburgo chegaría após remataren de cumprir a condena, para o que resta un ano. 

Através da páxina web, Anarldo Otegi publicou unha mensaxe após coñecer o resultado do Tribunal Constitucional. Con dúas citas unha do británico Gilbert Keith Chesterton e outra do pensador ruso Piotr Kropotkin, o líder da esquerda abertzale trasladou a súa análise remitíndose a unha entrevista concedida á canle Al-Jazeera no mes de abril. Nesa conversa Otegi asegurou que "poderán alongar as nosa condenas porque iso está nas súas mans, mais non poderán deter o exercicio do dereito de autodeterminación do noso pobo". 

"Non hai dragóns invencíbeis", afirmou o de Elgoibar, "é tempo de cereixas".