Achan morto un preso basco na súa cela que denunciara tres malleiras dos funcionarios

Arkaitz Bellón cumpría unha condena de 13 anos por actos de kale borroka. Preso desde o ano 2000, denunciou até en 3 ocasións ter recibido malleiras dos funcionarios de prisión. Saía en liberdade en maio.

 

Arkaitz Bellón, preso basco na cadea de Puerto de Santamaría, foi atopado morto esta cuarta feira na súa cela, segundo recolle o diario dixital Naiz.  Bellón cumpría unha condena de 13 anos de cadea por actos de kale borroka. En maio deste ano, 2014, sairía en liberdade.

Durante a súa estadía en prisión, o preso denunciou até en tres ocasións ter recibido malleiras dos funcionarios de prisión, desta volta nas cadeas de Puerto III (2010) e Alxeciras (2008) onde cumpría condena con anterioridade. Encarcerado desde o 2000, Arkaitz Bellón sairía de prisión o vindeiro mes de maio. 

Bellón fora condenado pola Audiencia Nacional en 2003 canda outros dous mozos pola queima de dous autobuses e caixeiros durante a vaga de protestos acontecida na Semana Grande de Donosti do ano 2000.