Pachi Vázquez promete 28.000 postos de traballo "para mulleres"

Pachi Vázquez no encontro sobre muller
O candidato socialista define o PSOE como “o partido da igualdade” e fala de “reducir a brecha salarial entre homes e mulleres”.

 

O candidato do PSOE a presidir a Xunta, Pachi Vázquez, propuxo un plan de emprego feminino para dar “traballo a 28.000 mulleres ao longo de toda a lexislatura”. Explicou que esta proposta serve para “atender unha de cada catro mulleres que están actualmente no desemprego”, cun investimento de 60 millóns de euros anuais. Ademais, o líder socialista tamén propuxo a creación da nova figura a dos “inspectores de igualdade, co fin de reducir a brecha salarial entre homes e mulleres”. Advertiu que “non haberá nin unha soa empresa que reciba subvencións se incumpre as leis de igualdade”, e resumiu que “non hai que inventar cousas novas, hai que aplicar as que temos”.

Nun acto celebrado de novo en Vigo, onde @s socialistas pensan que se poden decidir os comicios, e onde participaron tamén o alcalde da cidade e a senadora valenciana Carmen Alborch, Vázquez dixo que o PSOE “é o partido da igualdade, somos os que tiramos polas políticas de igualdade”, mais advertiu que “estamos vivindo un momento durísimo e non vale escribirlle cartas aos reis magos”. Así, o ex-alcalde do Carballiño aseverou que os “galegos e as galegas están cansados de enganos e de falsas promesas”.

Ao igual que outras formacións, @s socialistas tamén insisten especialmente neste días na necesidade dunha gran participación e en facerse co apoio d@s que aínda non decidiron o seu sufraxio. “É necesario un pulo final para lograr atraer os e as desencantad@s e os e as indecis@s nos comicios do 21 de outubro”, dixo Pachi. Sobre as enquisas, asegurou que “unha ampla maioría de cidadáns quere un cambio, e un 40 por cento confésase indeciso á hora de votar, a desilusión non cambia gobernos, só conduce á melancolía e o que lle fai falta a este país é esperanza, ganas e confianza no futuro. Se unha ampla maioría de Galicia quere cambiar este país o imos cambiar”.