O PSdeG-PSOE promete “volver contratar profesorado e persoal sanitario”

Pachi Vázquez e Alfonso Guerra en Ourense
Pachi Vázquez comprometeuse desde un mitin en Ourense a “non despedir a ningún traballador público”. O candidato socialista insistiu en sinalar as eleccións do domingo como un “referendo ás políticas de recortes”.

 

Pachi Vázquez ven de engadir unha promesa máis ao ronsel de compromisos electorais que está a caracterizar a campaña do PSdeG-PSOE. O candidato socialista á presidencia da Xunta, asegurou no mitin de Ourense --en que estivo acompañado de Alfonso Guerra-- a súa intención de “volver contratar profesores e persoal sanitario” e a non despedir a ningún traballador público”.

A defensa dos servizos públicos volveu ser o eixo da campaña do PSdeG-PSOE. Pachi Vázquez reiterouse nas súas críticas contra o balanzo de Feijóo en sanidade e educación afirmando que “non hai dereito a que hoxe teñamos 2.500 profesores menos que fai catro anos” e comprometéndose a asegurar o carácter público e universal destes servizos esenciais.

Eleccións-referendo

Fronte o denodado intento do Partido Popular por separar os comicios galegos da política Estatal, co afán de evitar o rexeitamento social aos recortes do goberno central, a forzas políticas da oposición insisten no contrario.

Neste sentido, Vázquez dixo que as próximas eleccións serán “un referendo sobre os recortes de Rajoy e de Feijóo” porque “imos votar sobre os recortes e se queremos que os sigan aplicando”. A aspiración do candidato socialista é que tras o 21-O Galiza “sexa a comunidade pioneira na saída da crise pola esquerda”.