Feijóo aplaude os Orzamentos de Rajoy que deixan a Galiza con 400 millóns menos

Feijóo nunha palestra en Madrid
Alberto Núñez Feijóo participou dunha palestra en Madrid, na que foi presentado polo Presidente do Goberno español. Feijóo rexeitou demandar un novo modelo de financiamento e gabouse de que Galiza “vaia por diante” no obxectivo do déficit cero. O candidato popular non pedirá máis autogoberno e preséentou como“autonomismo sosegado” fronte Madrid.


O candidato popular participou esta mañá nunha palestra pública en Madrid, na que foi presentado polo Presidente do Goberno español, Mariano Rajoy, quen se prodigou en verbas amábeis cara o actual Presidente da Xunta. Na súa intervención Feijóo aplaudiu os orzamentos xerais do Estado aprobados polo executivo central, a pesar de que resten 400 millóns de euros ao noso país e vaian provocar unha nova vaga de recortes antisociais por mor dos duros axustes que recollen. “Son uns presupostos responsábeis e realistas” dixo.

O líder dos populares galeg@s tamén rexeitou demandar un novo modelo de financiamento para Galiza --reclamado polo BNG--, alegando que “non é o momento”, malia seren os recursos da administración autonómica os que financian servizos públicos esenciais como ensino ou sanidade, ameazados con novos retallamentos precisamente pola política de “austeridade” imposta desde Madrid.

O Presidente da Xunta volveu gabarse en público de que Galiza “sexa a única comunidade en condicións de adiantarse ao resto do Estado en alcanzar o déficit cero”, sinalando que “será acadado na vindeira lexislatura” no caso de resultar reelixido.

"Autonomismo sosegado" fronte soberanismo

En troques ás demandas de maior autogoberno en Euskadi e Catalunya, Feijóo afirmou encarnar o “autonomismo sosegado” fronte Madrid e volveu reiterarse no discurso centralista do Partido Popular, renunciando a demanda de maiores competencias e amosándose contrario mesmo ao modelo “federal” que o PSOE está a propor como contrapunto á crecente reivindicación de soberanía.