Facendo as Américas (e as Europas)

Alberto Núñez Feijóo e Pachi Vázquez desenvolven esta fin de semana senllos actos políticos na procura do voto emigrante. 

O número de electores que concentran países tradicionalmente receptores de migración galega e unha lei electoral que permite votar a net@s de emigrantes na Arxentina mais non a unha persoa residente en Galiza que proveña do Ecuador, levan os candidatos de PP e PSdeG a faceren as Américas na procura dun voto, quizais decisivo.

Feijóo de Montevideo a Bos Aires

O presidente da Xunta de Galiza procura ser renovado como tal e para iso moverá ceo e terra. Primeiro Montevideo e despois Arxentina. Nun acto político organizado polo Partido Popular na cidade de Bos Aires, Núñez Feijóo atopouse con centos de “simpatizantes” no Centro Galego.

Como se a complexa realidade política da Galiza cruzase o océano cada día, Feijóo transmitía ás e aos asistentes o mesmo discurso que –despois da viaxe—traerá ao país. De cara ás vindeiras eleccións, aseveraba, “hai dúas opcións: votar a cinco partidos ou votar ao PP” e apelou ao manido argumento de “España se rompe” para mobilizar o seu electorado máis afín, “están instanto á separación de España”, aseguraba perante un Centro Galego ateigado. 

O aínda presidente aseguraba ás e aos asistentes que “Galiza está hoxe mellor que hai catro anos” –obviando a taxa de desemprego, o incremento da débeda e o desmantelamento de servizos sociais--. Aliás, lembroulles que ao igual que o seu goberno se comprometeu hai case tres anos a lles garantir a “tarxeta sanitaria para os galegos do exterior”, Feijóo prometeu agora aprobar a lei de galeguidade para garantiren a “viabilidade dos centros galegos”.

Mais non só o candidato popular viaxou ao exterior para facer campaña. O aínda conselleiro de presidencia, director de campaña e candidato número dous pola provincia de Pontevedra, Alfonso Rueda, participou en Zurich  –xunto con Ana Pastor, ministra de Fomento—nun acto electoral coa comunidade galega. Suíza é o país europeo onde reside a maior comunidade galega. Aliás, o voceiro popular, Rodríguez Miranda, viaxaba a pasada semana a Xinebra como parte da campaña, prevéndose, así mesmo, que outr@s candidat@s o fagan nas vindeiras semanas.

Pachi percorre o mesmo camiño

Ao igual que o candidato polo Partido Popular, o seu homólogo socialista tamén se desprazou até América do Sur para se reunir coa comunidade galega en Montevideo e Bos Aires. Esta mesma mañá, Vázquez anunciaba na rede social Twitter que viña de baixar do avión na capital arxentina, para rematar a segunda feira pola tarde, cun baño de masas en Montevideo.

Malia que o voto rogado –solicitado previamente—podería diminuír o número de participantes o vindeiro 21-O, o certo é que PP e PSdeG-PSOE non queren perder a oportunidade de mobilizaren as súas bases no exterior, pois entre Arxentina e Uruguay suman 174.423 elector@s.