A Xunta licitará un contrato para que 40 concellos dispoñan de caixeiro, mentres as entidades bancarias pechan sucursais

ere banco santander poupular pastor imaxe da CIG

Facenda asina un acordo coa Fegamp para dotar corenta municipios de caixeiro automático a través dun concurso público no que o Goberno asumirá "maioritariamente" os custos. Nos últimos dez anos as entidades bancarias fecharon na Galiza 936 oficinas.

Na Galiza corenta concellos, 13% do total, carecen dunha entidade de crédito. A meirande dos municipios afectados, nos que viven arredor de 52.000 galegas e galegos, pertencen ás comarcas interiores. Entre 2008 e 2018 en Galiza botaron o feche 936 oficinas bancarias, 37% do total das existentes.

As recentes políticas das entidades financeiras deixaron aos corenta concellos sen ningunha oficina para atender á veciñanza. A maiores, 81 municipios contan cunha única entidade. A solución proposta pola Consellaría de Facenda, que vén de asinar un protocolo coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), consiste nun concurso público para a instalación dun caixeiro automático nos municipios que así o soliciten. O Goberno galego comprométese a asumir “de maneira maioritaria” o custo dun servizo que cualifican de “pioneiro”.

Con esta medida a veciñanza poderá efectuar xestións comúns como a retirada e ingreso de cartos, a actualizacións das libretas bancarias ou o pago de recibos nos seus propios municipios. O concurso público incluirá outros servizos que prestará a entidade adxudicataria: un de asistencia financeira á cidadanía e outra de formación no uso da banca electrónica.

A exclusión financeira, ou as dificultades para acceder a servizos e produtos financeiros no mercado xeral é unha das consecuencias do proceso de concentración e centralización de entidades financeiras. Entidades coma o Santander, que anunciou o feche de 136 sucursais na Galiza e o despido de 271 traballadores e traballadoras, que en 2019 obtivo un beneficio atribuído de 3.732 millóns de euros nos nove primeiros meses.