Xesús Seixo: ''Neste momento, a soberanía é unha necesidade para a Galiza e para os nosos sectores produtivos''

[Imaxe: CIG]

O re-elixido secretario xeral da CIG explica por que non hai unidade con CC OO e UGT: rexeitan a súa postura "de entreguismo". Díxoo na Radio Galega


Pasar da defensiva á ofensiva e "pelexar" nas rúas unhas políticas alternativas ás que se están a aprobar desde os gobernos galego e español, ambos os dous en mans do PP, camiñando cara á soberanía da Galiza e dos seus sectores produtivos, que neste momento é "unha necesidade".

Xesús Seixo, secretario xeral da CIG que repetirá mandato por outros catro anos após ser elixido co 90% dos votos no VI Congreso celebrado este domingo en Compostela, debulla algunhas desas alternativas que propón a central nacionalista e que pasarían por unha política fiscal "onde pagan máis quen máis teñen"; acabar cos paraísos fiscais sinalando que o argumento de que ao lle por cambadelas ás grandes empresas estas deixarán de producir na Galiza "non é máis que unha escusa fácil, non é críbel"; e apoiar a pequena e mediana empresa, "a verdadeira creadora de emprego e a que máis está a sufrir por falta de crédito", mediante a posta en funcionamento dunha banca pública galega.

Rexeitamento da postura "desmobilizadora" e "de entreguismo" de CC OO e UGT

Dixo Seixo que o sindicalismo combativo leva tempo mobilizándose "á defensiva, respondendo a políticas antisociais" e recoñece que chegou a hora de "pasar á ofensiva" para conquerir outro modelo social e laboral "sen esperar a que estes señores se fagan bos e aproben outras medidas, porque esperar sería unha posición inocente, infantil". Ao fío, explicou as razóns polas que, ao seu xuízo, non existe unidade no sindicalismo a respeito das dúas centrais con dependencia española, CC OO e UGT: "o noso modelo é moi crítico co deles, cos grandes acordos estatais, coa postura de desmobilización e cos pactos sociais onde se vai a unha mesa de negociación desde unha perspectiva de entreguismo".

O secretario xeral da CIG recordou o último pacto asinado, co goberno de Zapatero (PSOE) e batizado como Pacto polo crecemento, o emprego e os servizos públicos básicos. "Onde está o crecemento? E o emprego? E os servizos públicos básicos?", preguntou o sindicalista para concluír a renglón seguido que "o único que nos quedou daquilo foi que teremos que nos xubilar aos 67 anos".

Soberanía para decidirmos sobre os nosos sectores produtivos

Nun panorama onde a destrución de emprego e o debilitamento da negociación colectiva deixan a clase obreira galega "na situación máis complicada desde a caída da ditadura", a soberanía, a autodeterminación da Galiza para poder decidir sobre os seus sectores produtivos básicos, "é neste momento unha necesidade", após o castigo que sufriron o sector pesqueiro, naval e agrogandeiro coa entrada do Estado español nunha Unión europea hoxe gobernada "por institucións que foxen do control da cidadanía", en referencia ao Banco central europeo, a Comisión europea e o Fondo monetario internacional, isto é, a troika.

"Camiñamos cara a un modelo de sociedade cada vez máis antidemocrático", enfatizou Xesús Seixo na entrevista concedida ao Galicia por Diante, na Radio Galega, onde repasou os seus inicios no nacionalismo da man de Erga (Estudantes revolucionar@s galeg@s) e no sindicalismo participando na fundación do Sindicato obreiro galego. A este respeito, subliñou que "desde aquela mudaron moitas cousas, comenzando por min propio. Os anos están aí e nótanse".