Von der Leyen fecha o tratado comercial con Mercosur: Cales son as implicacións deste acordo?
A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, fechou esta sexta feira en Montevideo (Uruguai) o acordo comercial cos estados de Mercosur –Arxentina, Brasil, Paraguai e Uruguai– que a Unión Europea negocia con esta área económica desde hai 25 anos e ao que se opón de fronte Francia. De feito, o presidente galo, Emmanuel Macron, afirmou na véspera que o tratado, no estado actual, "é inaceptábel". Unhas declaracións que non lograron frear Bruxelas.
"Non só é unha oportunidade económica, é tamén unha necesidade política", destacou a xefa do Executivo comunitario nunha comparecencia sen preguntas xunto ao presidente de quenda de Mercosur e mandatario do Uruguai, Luis Lacalle Pou, para anunciar o acordo avanzado na véspera por representantes dos estados do bloque suramericano xunto co responsábel de Comercio da UE, Maros Sefcovic.
"Estamos a derrubar barreiras e permitindo que entren investimentos, estamos a formar un mercado de máis de 700 millóns de consumidores", sinalou Von der Leyen, quen cualificou de "verdadeiro fito histórico" o acordo. Este pacto comercial permitirá, segundo as contas de Bruxelas, aforrar ás empresas comunitarias uns 4.000 millóns de euros en aranceis cada ano.
Riscos económicos
Con todo, son varios os riscos deste tratado, pois diversos sectores económicos tanto a nivel galego como comunitario, e en especia o agrogandeiro, temen que o acordo selado con Mercosur poida traer problemas ao permitir a entrada na UE de mercadorías con facilidade para competir con prezos á baixa.
O Brasil é o lugar principal de fóra da UE de onde chega máis polo importado ao mercado estatal. De feito, o Estado carioca, sumado coa Arxentina e con Chile, suman 56% das importacións de polo. Por outra parte, as principais orixes da carne de vacún importada desde Estados extracomunitarios son o Brasil, o Uruguai e a Arxentina, que suman 44%. Outros produtos que se verían afectados son o mel, xa que 30% procede da Arxentina, México e o Uruguai, ou o viño, pois 72% das importacións extracomunitarias proceden de Mercosur. O sector froiteiro tamén enfronta esta competencia polos produtos que chegan do Brasil e da Arxentina, que xa desestabilizan actualmente o prezo da froita destinada á industria de transformación, xa que o mercado non acepta prezos superiores aos destes Estados, cuns custos de produción máis baixos.
Neste sentido, o sector agrogandeiro demanda, á espera de coñecerse a letra pequena do acordo, que haxa suficientes garantías para que os produtos chegados de Mercosur teñan que cumprir normas equiparábeis ás que se impoñen aos produtos da UE en cuestións como o benestar animal, o uso de medicamentos na produción animal, o clima, o tratamento químico e o resto de normativas medioambientais.
Compras e vendas
Os 4.000 millóns de aranceis que Bruxelas calcula que aforrarán as empresas comunitarias beneficiarán sobre todo ás compañías da automoción, de maquinaria, da química ou de medicamentos, que terán moito máis fácil vender os seus produtos no ámbito de Mercosur. Alén diso, a Comisión Europea tamén destaca beneficios para sectores como o do téxtil ou o do calzado, así como para o dos viños e licores. En contrapartida, tamén se darán máis facilidades á chegada de produtos desde a área económica suramericana, sobre todo dos agrícolas e gandeiros.
Proceso de ratificación
Pouco antes de que se confirmase o acordo tras máis de dúas décadas de negociacións, a voceira comunitaria en materia comercial, Olof Gill, avisaba desde Bruxelas de que o tratado non se podía dar por asinado, porque o ocorrido en Montevideo, nas marxes do cumio de Mercosur, é un pacto político sobre os textos negociados a nivel técnico.
"O acordo político é só o primeiro paso dun longo proceso, só é o inicio", indicou, en referencia a que tras a conclusión das negociacións iníciase un longo proceso que arrincará polo exame legal dos textos por parte dos servizos xurídicos da Comisión Europea e pola súa tradución a todas as linguas oficiais da UE, o que levará varios meses, antes de entrar na fase que permita asinar e ratificar o Tratado.
Só entón, Bruxelas dará a coñecer cal é a base legal que proporá para a súa ratificación tanto no Consello como no Parlamento Europeo. En todo caso, fontes comunitarias sosteñen que o simple anuncio supón un "cambio na psicoloxía" das empresas, que saben agora que haberá un marco de libre comercio e, por iso, dan por feito que haberá xa investimentos que se "anticipen" á entrada en vigor definitiva.
Este é un acordo entre partes negociadoras que necesita aínda, a nivel comunitario, pasar un proceso de ratificación que levará tempo e que probabelmente pasará por unha partición do Tratado. Así, a parte comercial poderá ser adoptada por unha maioría cualificada dos Estados da UE para evitar que Francia poida vetalo se non gaña apoios suficientes para formar unha minoría de bloqueo. Así mesmo, terá que ser ratificado pola Eurocámara, mais esquivará a ratificación nos parlamentos estatais de confirmarse que o marco comercial irá por separado.
Segundo intento tras 25 anos de diálogo
A UE e Mercosur lograron un principio de acordo como este en 2019, mais chocou coas reservas de Estados como Francia e Irlanda, que reclamaron salvagardas medioambientais máis duras e cláusulas 'espello'. Estas exixencias son as que as partes negociaron nunha declaración adxunta que completará o tratado que negociaron entón e que inclúe, segundo fontes comunitarias, unha cláusula que permitirá suspender parcial ou totalmente o pacto se unha das partes se afasta dos compromisos do acordo climático de París. Polo momento, só Francia amosou un rexeitamento categórico ao novo tratado, aínda que Polonia, os Países Baixos, Irlanda ou Austria mostraron reservas se non se buscan medidas de acompañamento para compensar o impacto en sectores propios estratéxicos.