Viticultores manifestaranse o 13 de maio en Ribadavia contra o “abandono” da Xunta nas xeadas

Máis de 200 profesionais do sector no Ribeiro tomaron parte na asemblea para demandar unha liña de axudas directas para paliar as perdas.

Ribadavia acollerá o vindeiro sábado, 13 de maio, unha manifestación de viticultores do Ribeiro para denunciar o que entenden que é un “abandono” e “falta de apoio” da Xunta após as xeadas que xeraron perdas millonarias no sector. Así se acordou nunha asemblea, segundo informa Unións Agrarias nun comunicado, e na que tomaron parte máis de 200 viticultores.

Os produtores reclaman axudas directas ás explotacións afectadas pois estamos perante un “problema de primeira magnitude” e que “que leva por diante un sector en catro denominacións -O Ribeiro, Valdeorras, Monterrei e Ribeira Sacra- polo que a primeira opción pasa por indemnizar aos agricultores por metro cadrado de viña danada, de maneira similar a como se fixo en 2016 na Ribeira Sacra cando a saraiba arrasou a subzona de Sober”. No comunicado, cualifica de “escusa pobre o manifestado respecto diso pola conselleira, xa que non se ampara na legalidade, posto que se poden trasladar axudas directas de ata 15.000 euros por explotación”.

Por iso pide á Consellería do Medio Rural “que recapacite e indemnice os afectados, e se non se pode compensar por quilo de uva, que se faga por metro cadrado, como se fixo na Ribeira Sacra”.