"Os viñedos salvaron as casas": Denominacións de orixe barallan perdas ao comezo da vendima polos incendios
Reclaman ás administracións que tomen as medidas pertinentes para axudar os viticultores afectados.
En pleno mes de agosto e plena vaga de incendios, as denominacións de orixe Valdeorras, Monterrei, Ribeiro e Ribeira Sacra preparan o comezo de vendima barallando as posíbeis perdas en produción ante o impacto do lume.
"Os viñedos salvaron as casas", é a imaxe que transmitiu Santiago Pérez, técnico do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, en declaracións a medios. E é que as colleitas do municipio lograron actuar como "devasa", di, impedindo que as chamas alcanzasen gran parte dos núcleos de poboación. "Para min as viñas foron as grandes heroínas", engade.
Tamén Antonio Lombardía, presidente da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, comparte esta perspectiva. "O lume pasou de raspallón e as viñas fixeron como de devasa natural, afectou algunhas cepas dos laterais, pero realmente lograron cortar o lume", explica.
Comezo de vendima
Segundo trasladou Jorge Isla, membro do Consello Regulador da DO Valdeorras, esta cuarta feira arrincou a vendima na comarca, "a primeira en Ourense", destaca, na adega Valdesil (Córgomo, Vilamartín), que "só recolleu godello para elaborar un viño tostado". "Hai unha porcentaxe altísima de viñas que se salvaron e esta mesma adega continuará mañá co godello", engade.
En proceso de sopesar os danos orixinados polo lume, Santiago Pérez indica que "a vendima é moi longa" e que "aínda podemos botar até o 15 de outubro".
Tamén desde a DO Ribeira Sacra "algunha adega pequena" comezou esta cuarta feira "de forma moi puntal", indica o seu presidente, a recoller uva que "por circunstancias" está xa madurando e "queren xa sacala", pero "o forte", engade, "calculamos xa que sexa a principio de mes co branco".
Un balance inicial optimista
A pesar de que "é cedo para dar datos", explica Jorge Isla, ambas as DO fan un primeiro balance optimista: "Das 1.200 hectáreas que temos, hai moitas zonas que están totalmente intactas", celebrou Santiago Pérez con respecto á DO Valdeorras.
"Aquí temos sobre 1.300 hectáreas inscritas e unicamente temos que lamentar unha afectación pequena, dalgunha adega que si sufriu perdas", traslada Antonio Lombardía en relación coa DO Ribeira Sacra.
En concreto, as chamas accederon a aquelas colleitas próximas a Valdeorras ante o incendio orixinado en Larouco. "Na aldea de Alvaredos é onde houbo algo de incidencia, onde unha adega perdeu o 70% da súa produción, calculamos", engade Lombardía.
Ambas atópanse "á espera", agora, de barallar perdas e recoller datos. "Temos abertos rexistros", explica Santiago Pérez, "pasamos información ás adegas" que, di, "van transmitindo para ir recollendo datos", pero "só podo dar conta dunha afectación parcial". "Imos ver agora cando termine todo isto imos facer unha avaliación dos danos", engade Antonio Lombardía.
Posíbeis danos
Aínda así, adegas e viticultores enfróntanse agora a "viñedos arrasados ao 100%", explica Pérez, pero, afirma, noutros casos "se cadra as cinco ou seis primeiras filas foron as afectadas". "Hai que ver o resto como evoluciona, porque evidentemente pasaron por condicións de calor extremas" engade. Segundo trasladaron, algunhas das viñas víronse afectadas polas altas temperaturas ás que estiveron sometidas, outras atópanse cubertas de cinza e, nalgúns casos, "aínda hai chemineas ao redor", explica Pérez.
Con todo, sinala, "independentemente de como afecte", a "experiencia" permitirá facer uso "doutras formas" de manter a "calidade do mellor viño do mundo". Entre elas, "absorber cheiros" ou recorrer a "mosto e xemas", engade.
"Contamos que lle veña algo de auga e as limpe desa cinza", explica Lombardía, senón, di, "habería que facer xa un procedemento anterior a metelas nas cubas" que sería "unha pequena limpeza" para "quitar a cinza que se depositou sobre elas".
"Contamos que entren de maneira natural nun bo estado sanitario", engade.
Medidas pertinentes
Sendo aínda "cedo para predicións", Santiago Pérez incide en que "as vides levan convivindo connosco 70 ou 80 anos" e "pasaron de avós a fillos a netos", por iso "non nos imos mover" porque "temos aquí a nosa raíz" e "o noso sitio".
Agora, di, a solución é "facilitar trámites" e lograr que "poidamos conservar todo isto" para que "todo o mundo coñeza a zona". "A ver se as administracións toman as medidas pertinentes para axudar os afectados", engadiu Antonio Lombardía.