"Téñennos abandonados", denuncian en Valdeorras, zona cero da silicose
Unha "pandemia silenciosa" afecta as comarcas mineiras da Galiza, moi particularmente Valdeorras. Até 93 casos de silicose foron rexistrados en 2023 e 943 entre 2012 e 2023 no conxunto do territorio galego. Porén, a Asociación de Afectados pola Silicose de Valdeorras refire máis de 1.500 casos só nesa comarca.
Galiza rexistrou en 2023, último ano con cifras, 93 casos de silicose, que representan 41,5% do total dos detectados no Estado. Segundo os datos achegados polo Instituto Nacional de Silicose (INS) para ese exercicio, o país encabezou o número de persoas afectadas por esa doenza, situándose a continuación Castela e León con 62, Asturias con 35 e Andalucía con 8. Neste sentido, os números explícanse no marco do incremento desta patoloxía, ligado a novos sectores de risco e que provocou que o propio Ministerio de Sanidade dera a voz de alarma.
Os datos de 2023 non representan ningunha anomalía e atenden a tendencia da última década. A este respecto, as cifras do Instituto Nacional de Silicose avanzan para o período de 2012 a 2023 un total de 943 casos na Galiza, 613 en Castela e León, 405 en Asturias, 123 e Andalucía e 226 nas restantes comunidades autónomas. Así, 40,8% das patoloxías de silicose recoñecidas no Estado para eses 11 anos déronse na Galiza, cunha especial incidencia entre os traballadores e as traballadoras do sector da lousa, que concentrou 607 casos.
O Instituto Nacional de Silicose non achega cifras por comarcas do impacto da doenza. A este respecto, o asesor sanitario de Asociación de Afectados pola Silicose de Valdeorras, Xesús Vilasánchez sinala a Nós Diario que "os datos Instituto Nacional de Silicose non comarcalizan a procedencia deses casos, pero se observamos que a provincia da Galiza que achegou mais casos é Ourense, con 567, e se miramos que o sector laboral que máis doentes achegou na Galiza foi a lousa, que ten en Valdeorras o seu centro a nivel mundial, pouca dúbida hai sobre cal é a comarca máis afectada".
"Hai máis de 1.500 persoas afectadas pola silicose en Valdeorras", indica a Nós Diario José Rodríguez, presidente da Asociación de Afectados pola Silicose de Valdeorras, fundada hai dous meses e que reúne xa máis de 200 persoas da comarca diagnosticadas con esa patoloxía. Nesa dirección, apunta que "calquera dato que se avalíe actualmente coloca Valdeorras como o epicentro da silicose non xa na Galiza, senón no Estado español e que todos os que atopamos colocan ao distrito sanitario de Valdeorras como o que peor trata os seus enfermos de silicose".
"Abandonados"
"Téñennos abandonados", afirma Rodríguez, que se manifesta moi crítico coa actitude das autoridades sanitarias, a quen acusa de "enganarnos" e de non responder as súas demandas. Na mesma dirección, denuncia que o Hospital de Valdeorras "estano desmantelando desde que xa non somos unha área sanitaria e neste momento xa faltan 18 especialistas". Neste punto, incide en que o hospital do distrito sanitario de Valdeorras non conta con servizo de pneumoloxía e agora "queren derivar as persoas enfermas de silicose de Valdeorras aos hospitais de Ourense e Vigo".
Rodríguez apunta que a súa asociación reclama "a creación dun servizo de pneumoloxía no Hospital de Valdeorras, dotando o hospital de prazas orzadas de persoal facultativo especialista en pneumoloxía suficientes para a realización de consultas diarias, así como a dotación tecnolóxica precisa para levar a cabo a actividade cotiá dun servizo deste tipo". Na mesma liña, demanda o "recoñecemento da silicose como grave e importante problema de saúde no distrito sanitario de Valdeorras".
Os propios documentos do Goberno do Estado dan conta da deficiente atención na Galiza ás patoloxías de silicose. A este respecto, un informe publicado en 2024 polo Ministerio de Sanidade co título de A reemerxencia da silicose en España constata que Ourense é a provincia da Galiza que máis casos de silicose concentra, pero que menos consultas e ingresos rexistra por esta patoloxía. A este respecto, Vilasánchez considera "alucinantes e vergonzosos" estes datos e incide en que Galiza é a comunidade que máis casos novos de silicose achegou desde 2012 a 2023 pero non é nin moito menos a que máis procesos asistenciais presentou, un total de 8.500 fronte a 32.836 de Asturias”.
"Non podemos respirar"
"Non podemos respirar", afirma Rodríguez, quen asegura que "a vida é cada día mais complicada, cada día se nos fai máis difícil a realización das actividades básicas da vida diaria. A obtención do aire que se respira, esa función de respirar que na inmensísima maioría das persoas é algo automático, para nós significa ou significará unha tortura diaria". Porén, Rodríguez manifesta a súa disposición e a do seu colectivo a "loitar" e explica que preparan xa distintas mobilizacións.
"Imos lanzar a xente á rúa e se queren guerra, van ter guerra", asegura Rodríguez, quen lamenta que o Partido Popular rexeitara no Parlamento da Galiza e na Deputación de Ourense dúas propostas coas súas demandas. Neste punto, sinala que neste momento "estamos presentando escritos nos municipios da comarca en apoio ás nosas reivindicacións dun pneumólogo para o Hospital de Valdeorras de segunda feira a sexta feira e temos a favor sete concellos e catro en contra, os do PP que non queren saber nada”.
A "cara oculta" do negocio da lousa en Valdeorras
Galiza é a primeira produtora mundial de lousa. Segundo os últimos datos achegados polo Clúster da Lousa de Galicia, referidos a 2024, nesa anualidade as exportacións galegas achegáronse ás 267.150 toneladas, o que representa 51,8% do total en todo o mundo. Valdeorras é o maior distrito de produción de lousa do mundo, cunhas 70 explotacións activas. O concello con máis actividade mineira desta comarca é Carballeda, onde ten a súa sede Cupa Group, líder internacional do sector cunha facturación en 2023 de 437 millóns de euros e propiedade do fondo de investimentos canadense Brookfield, que adquiriu a compañía en 2022 ao grupo estadounidense Carlyle por 900 millóns de euros.
Cupa Group conta con xacementos de lousa noutras localidades das comarcas de Valdeorras e do Courel. Carballeda é ademais unha das capitais europeas da minaría da lousa. Segundo un estudo presentado en 2023 polo Grupo de Investigación e Análise Territorial da Universidade de Santiago de Compostela, (USC) coordinado polo catedrático Rubén Lois, 57% das persoas afiliadas á Seguridade Social neste municipio traballaban para Cupa Group e o 13% restante para outras empresas do sector. Precisamente, esta localidade é a que máis casos de silicose rexistra.