A Comisión Europea activará o acordo con Mercosur malia a oposición da Eurocámara

A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen. (Foto: Wiktor Dabkowski / Zuma Press / ContactoPhoto)
A presidenta da Comisión Europea non aclara a data exacta en que prevé a súa entrada en vigor.

A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, anunciou esta sexta feira que inicia o proceso para a aplicación provisional do acordo de libre comercio negociado por Bruxelas cos países de Mercosur, despois de que Arxentina e Uruguai completasen os seus respectivos procesos de ratificación nas últimas horas.

"Trátase de resiliencia, de crecemento e de que Europa forxe o seu propio futuro", dixo a xefa do Executivo comunitario nunha breve declaración sen preguntas na sede da institución en Bruxelas, despois de incidir en que o Consello (os gobernos) xa deran luz verde en xaneiro a Bruxelas para proceder á aplicación temporal cando fose posíbel.

A conservadora alemá lembrou ademais que desde a firma do pacto deixou claro que a Unión "estaría lista cando os países de Mercosur o estivesen" e que o ritmo de ratificacións por parte dos socios iberoamericanos permite xa poñer en marcha o proceso ao lado europeo, sen aclarar a data exacta en que prevé a súa entrada en vigor.

A Unión Europea e os países de Mercosur asinaron o pasado xaneiro os acordos político e de libre comercio cos que as dúas rexións culminaron case 26 anos de negociación e estabelecen un novo marco de relacións, que sae adiante pese ao rexeitamento do campo europeo e de media ducia de países europeos, entre eles Francia e Polonia.

A parte comercial de competencia exclusiva da UE pode entrar en vigor de maneira interina desde o momento no que polo menos un país do bloque do Cono Sur complete o seu propio proceso de ratificación, o que ocorreu esta quinta feira en Uruguai e Arxentina.

A entrada en vigor definitiva para o conxunto dos acordos, con todo, require dun proceso de ratificación máis complexo que pasa pola adopción por parte dos Vinte e sete e do consentimento do Parlamento Europeo, que pode aprobalo ou tombalo, pero xa non modificalo.

No caso da Eurocámara, ese voto está no aire até que o Tribunal de Xustiza da Unión Europea resolva o recurso remitido polos eurodeputados respecto á compatibilidade do pacto comercial co Dereito comunitario, o que paralizou de facto a súa ratificación.