A UE decide esta sexta feira se fai permanentes os aranceis ao coche eléctrico chinés

Na Galiza só se poden atopar sete puntos de recarga para vehículos eléctricos de acceso público e de alta potencia (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

A medida será previsibelmente apoiada por Estados como Francia, Italia ou Polonia, mentres que o sentido do voto de Alemaña e España mantense na incógnita.

A Unión Europea decidirá esta sexta feira se fai permanentes os aranceis ao coche eléctrico importado desde China que impuxo de maneira provisional en xullo para compensar os “subsidios” ilegais de Beijing aos seus produtores; trátase dunha medida que Bruxelas defende xunto a países como Francia, Italia ou Polonia e a pesar das reservas de Alemaña e, máis recentemente, de España.

Os expertos dos Estados membro están convocados ás 10 horas en Bruxelas para someter a votación a proposta da Comisión Europea de consolidar os aranceis por un período de cinco anos; aínda que Bruxelas non fecha a porta ao diálogo con Beijing e insiste en que aínda coa luz verde para a sanción poden continuar as negociacións en paralelo e reverter a medida "se se corrixe a competencia desleal".

A maioría de delegacións mantéñense cautas respecto ao sentido do seu voto, aínda que se dá por feito o apoio de países como Francia, Polonia ou Italia e coñécese o non rotundo de Hungría. A poucas horas da votación, mantense a incógnita de que votarán Alemaña, principal produtor do sector en Europa que teme represalias, ou España, que en xullo apoiou as tarifas provisionais que despois o presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, cuestionou en rolda de prensa durante a súa viaxe oficial a China.

En todo caso, salvo sorpresa de última hora, os aranceis sairán adiante porque quen se opón necesitarían sumar unha maioría de 15 Estados membro que representen polo menos o 65% da poboación europea para bloquear a decisión.

Os máis probable, segundo varias fontes europeas consultadas por Europa Press, é que os 27 non logren formar unha maioría nin a favor nin en contra, o que na práctica supón unha "non opinión" que devolverá a Bruxelas o poder de decisión.

Iso facultará o Executivo comunitario para aprobar a introdución de aranceis nun próximo Colexio de Comisarios e a súa entrada en vigor producirase tras a publicación da decisión no Diario Oficial da UE.

Bruxelas aplica desde o pasado mes de xullo tarifas de até o 38,1% ao automóbil de batería eléctrica importado desde China como resposta ao "prexuízo que xera nos seus competidores europeos os subsidios ilegais" que o Goberno chinés concede aos seus fabricantes. O gravame súmase ao 10% que a UE xa aplica ás importacións de vehículos.