O TSXG paraliza de forma cautelar o parque eólico de Seselle polo risco de afectación a valores ambientais sensíbeis

Mapa cos seis parques eólicos que proxectan Greenalia e Galenergy no Monte do Gato e as zonas da Reserva da Biosfera. (Foto: Nós Diario)
A Sala destacou que o auto do Tribunal Supremo do pasado 2 de abril "rexeita argumentos semellantes aos expostos pola Xunta e a empresa".

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) decretou a suspensión cautelar da autorización administrativa previa e de construción do parque eólico de Seselle, situado no Concello de Oza-Cesuras (As Mariñas).

O TSXG paralizou así unha parte do 'macrocomplexo' eólico proxectado por Greenalia e Galenergy sobre o monte do Gato, conformado por seis parques. En concreto, o proxecto Seselle recibira unha declaración de impacto ambiental (DIA) favorábel, nun documento asinado o pasado mes de xaneiro de 2023 pola directora xeral de Calidade Ambiental da Xunta da Galiza, María Sagrario Pérez Castellanos.

Neste sentido, a asociación veciñal Aire Limpo nas Mariñas-Mandeo demandaba o pasado mes de febreiro de 2023 a paralización dos parques eólicos na Serra do Gato, incluído proxecto Seselle, que finalmente foi suspendido de forma cautelar polo TSXG.

A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo lembrou que, de forma cautelar, "só se esixe un principio de proba, é dicir, indicios que permitan concluír a posíbel existencia dun dano certo a valores ambientais de interese pola simple execución das obras, non proba plena ao respecto".

Neste caso, a xudicatura considerou que a demandante "conseguiu acreditar indiciariamente a existencia de elementos ambientais altamente sensíbeis, ben por estar catalogados, ben por tratarse directamente de especies con distinto grao de protección ou perigo".

Así, salientou que, "ao estar en espazos directamente afectados polas obras, resulta evidente o risco de afectación ambiental a estes elementos". No auto, concluíu que as obras son "susceptíbeis de causar un grave dano a valores ambientais sensíbeis", os cales foron "sinalados previamente por informes rigorosos e imparciais incorporados polo Ministerio de Transición Ecolóxica á Declaración Ambiental Estratéxica do Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima 2021-2030 ".

Por iso, aplicou o principio de cautela, é dicir, ante a posibilidade de que o dano poida ser de difícil ou imposíbel reparación, o cal "podería facer ineficaz a sentenza que no seu día se dite", decretou a adopción da medida cautelar solicitada.

Distancia

"Dado que consta que para o gando vacún en ecolóxico a Xunta da Galiza (proxecto eólico Gasalla) considerou suficiente unha distancia inferior a dous quilómetros para considerar significativamente perturbado o benestar animal, entendemos que sería absurdo que a Administración fixese de peor condición aos seres humanos que aos animais", destaca a Sala no auto, no que subliñou que a altura dos muíños proxectados é de 200 metros e que varios núcleos de poboación se situarían a pouco máis de 500 metros.

Por iso, entendeu que "a distancia á que se proxectan construír as instalacións eólicas é susceptíbel de ocasionar unha perturbación significativa sobre a saúde das persoas e o benestar dos animais". Ademais, lembrou que o Ministerio para a Transición Ecolóxica "desaconsella para todo o Estado a instalación de aeroxeradores a menos dun quilómetro dos núcleos de poboación".

Na resolución, o TSXG lembrou que o auto do Tribunal Supremo emitido o pasado 2 de abril, no que acorda a medida de suspensión cautelar do parque eólico Moeche, "rexeita argumentos semellantes aos aquí expostos pola Xunta da Galiza e a empresa codemandada, ao respecto da existencia dun plan de restauración para os danos que se poidan causar coas obras, a invocación do interese xeral de natureza ambiental que deriva da contribución das enerxías renovábeis á descarbonización, ou a posta en cuestión dos compromisos ambientais asumidos polo Estado".

A iso, engadiu que o Tribunal Constitucional estabeleceu "a preeminencia da protección ambiental como preferente sobre outros intereses aducidos neste procedemento". Desta forma, o TSXG resaltou que "a ponderación favorábel de intereses económicos como prevalecente é extremadamente excepcional, só admisíbel cando compromete de forma esencial a economía da nación ou produce un dano particularmente intenso".

En canto aos argumentos estritamente económicos que refiren as codemandadas, "apuntando avultadas contías de investimento na construción que se ven paralizadas durante o procedemento de adoptarse a medida", a xudicatura lembrou que "a paralización temporal da construción é un mal menor se o comparamos co custo económico que para as arcas públicas da Xunta podería ter a construción da instalación se posteriormente se declarase a súa ilegalidade".

A Sala tamén recalcou que "ningún dano se deriva da suspensión cautelar por transcurso de prazos para a execución de obras e solicitude de sucesivas autorizacións". Así, lembrou que, "unha vez que un órgano xudicial acorda a suspensión dun acto administrativo en sede cautelar, queda suspendida a súa eficacia e, con ela, os prazos de realización de obras e solicitude de autorización de explotación". Con todo, en aras dunha maior seguridade xurídica, acordou a medida contracautelar de suspensión do prazo estabelecido.

O alto tribunal galego, do mesmo modo que decretou o Tribunal Supremo no auto do pasado 2 de abril, acordou a exención de caución á asociación ecoloxista recorrente, pois destacou que "non cabe supeditar a protección cautelar do medio ambiente á situación económica do recorrente cando non actúa por un interese meramente particular, senón de carácter colectivo".

Na resolución, a Sala tamén explicou que, ao realizar unha valoración individualizada caso por caso, atendendo “moi especialmente aos avais técnicos en que se basee” a solicitude de adopción da medida cautelar, cabe que, ante un mesmo parque eólico, se dean dúas respostas cautelares diferentes, "en función do contido da argumentación fáctica e xurídica desenvolvida polas partes".

Así, advertiu que "non pode darse unha resposta xeneralista atendendo unicamente á parte xurídica", pois esta debe contemplarse "no conxunto cos medios de proba achegados para acreditar a concorrencia de indicio de dano ambiental".