Ter celiaquía sae caro: Os alimentos sen glute son de media un 153% máis caros que o resto

Unha muller facendo a compra nun supermercado. (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press)

Facua exixe aos ministerios de Sanidade e Consumo un programa de axudas económicas para persoas celíacas.

A organización de consumidores Facua informou de que os alimentos sen glute son de media un 153% máis caros que o resto e constatou tamén diferenzas de prezos de até un 451%.

Por iso, Facua pediu aos ministerios de Sanidade e Consumo que impulsen un programa de axudas económicas para persoas con celiaquía, xa que segundo a entidade, outros Estados veciños como Francia, Portugal, Italia ou Bélxica conceden axudas desde hai anos ao colectivo celíaco para facer fronte aos elevados prezos dos alimentos sen glute.

Entre os produtos analizados hai pizzas, pastas, cervexas, pans, galletas, cereais, madalenas, fariñas, nuggets e tortas de anís, e o estudo levouse a cabo o 30 de setembro en Mercadona, Dia, Hipercor, Eroski, Alcampo e Carrefour.

O produto onde se detectou unha maior diferenza é o pan de molde de marca Alcampo, xa que con glute custa 1,36 euros/quilo, mentres que sen glute alcanza os 7,50 euros/quilo (un 451,5% máis).

En segundo lugar, sitúase a fariña de trigo para repostería de marca Eroski, onde o incremento de prezo chega ao 445% (1,05 euros/kg con glute fronte 5,73 euros/quilo sen glute).

Ademais, a organización destacou a diferenza da pasta, xa que mentres o paquete de 500 gramos de espaguetes ou macarróns de marca branca ten un prezo de 0,80 euros en supermercados como Mercadona, Eroski ou Carrefour, a versión sen glute destes produtos tamén ten un prezo idéntico nas tres cadeas: 2,05 euros, por tanto, a diferenza de prezos alcanza o 156,2% nos tres.

Doutra banda, hai catro alimentos cuxo prezo é igual ou inferior na versión sen glute, a lata de Mahou, en Alcampo, é un 7% máis barata a sen glute, mentres que en Dia custan o mesmo as dúas; tamén o 'pack' de botellas de Estrella Galicia para celíacos costa en Hipercor case un 10% menos que a común; e pola súa banda, as tortas de millo Eroski teñen un prezo idéntico (1,19 euros).