Suso Seixo: "Coas mobilizacións a xente amosou que está farta das políticas do PP"

Suso Seixo, secretario xeral da CIG, palestrando onte en Vigo
O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, valora positivamente as mobilizacións da central nacionalista esta quinta contra as poíticas da Xunta e Estado nas que participaron máis de 50.000 persoas. Seixo tamén denucnia a "hipocresía" dun PP que acumula 7 adevertencias da Xunta Electoral e tentou ante este organismo que se prohibisen as manifestacións

Esta quinta, máis de 50.000 persoas sairon ás rúas de nove cidades e vilas da Galiza para manifestárense, convocadas pola CIG, contra as políticas de recortes e ataques dos gobernos do PP na Xunta e Madrid contra as maiorías sociais. O secretario xeral da central nacionalista, Suso Seixo, valorou como positiva a resposta da cidadanía na rúa, amosando que esta "farta" da medicina proposta polos populares coa excusa de sair da crise.

"Os milleiros de persoas que acudiron a estas manifestacións querían expresar de forma clara o seu rexeite ás políticas do PP", manifestou Seixo, que entende que existe unha vaga importante, plasmada en mobilizacións como as da CIG nesta quinta, "para que tras o 21-O o Partido Popular non siga gobernando Galiza, iso sería nefasto".

 "O que decimos e denunciamos sobre as súas políticas é certo e moléstalle a nosa opinión clara de que votar ao PP é un suicidio para os e as traballadoras"

 O secretario xeral considera que a CIG "preocupa" ao PP pois "o que decimos e denunciamos sobre as súas políticas é certo e moléstalle a nosa opinión clara de que votar ao PP é un suicidio para os e as traballadoras".

Tentativa de prohibición

Para Suso Seixo a presentación polo PP dun recurso ante a Xunta Electoral pedindo a prohibición das manifestacións da CIG é máis unha mostra "da hipocresía e cinismo" dos populares. Lembra, neste sentido, que o PP acumula máis de media ducia de apercebementos da xunta electoral "e que agora son eles os que procuran empregar ese organismo, e fixérono para que se prohibise o noso dereito a manifestarnos. Pensan que só eles teñen dereitos".

Seixo lembra que a CIG non se presenta as eleccións mais que é unha organización "con audiencia entre importantes sectores da clase traballadora" e que por iso "denunciamos aquelas medidas e actuacións dos gobernos do PP contra os dereitos e conquistas" das e dos traballadores.