A Sociedade Galega de Historia Natural alega contra o "impacto" de Mina Doade

Persoal de Mina Doade. (Foto: Nós Diario)
A organización denuncia a afectación sobre a auga e os ecosistemas.

A Sociedade Galega de Historia Natural presentou alegacións contra Mina Doade, o proxecto mineiro de extracción de litio en Beariz (comarca do Carballiño), polo seu "impacto" sobre a auga e ecosistemas asociados.

Así, apunta que os cálculos de caudais de auga drenados polas instalación mineiras subterráneas "refírense sempre aos caudais medios dos arroios e as captacións existentes na zona". 

Neste sentido, considera que estes cálculos "son moi insuficientes pois, como mínimo, sería preciso ter en conta a variabilidade interanual e estacional (especialmente durante a estiaxe) dos caudais e os niveis freáticos, así como unha estimación en base á evolución prevista para a zona segundo os modelos de cambio climático". Apunta que ocorre o mesmo na avaliación dos posíbeis efectos sobre os abastecementos de auga das poboacións próximas.

Ademais, advirte de que no proxecto "non se avalían os posíbeis efectos da drenaxe provocada polas instalacións mineiras (galerías, ramplas) sobre os hábitats prioritarios dependentes do nivel freático" como os bosques aluviais de 'Alnus glutinosa' e 'Fraxinus excelsior' na contorna do rego de Porto de Anta, así como os arbustos húmidos atlánticos Erica ciliaris e Erica tetralix na penichaira do aeródromo.

"Conflito de intereses"

Pola súa parte, a plataforma SOS Suído Seixo denunciou esta terza feira a existencia de "conflito de intereses" da Xunta da Galiza pola entrada da sociedade público-privada Recursos da Galiza (RDG) como socia no capital social do proxecto de Mina Doade. Esta segunda feira coñeceuse que RDG inxectará 750.000 euros en Recursos Minerales de Galicia, a filial do grupo aragonés Samca que pretende explotar a mina.