A Xunta inxecta 750.000 euros na empresa aragonesa que busca explotar a mina de Doade

José Manuel Saldaña, conselleiro de Samca, e Emilio Bruquetas, conselleiro delegado de RDG. (Foto: RDG)

Esta segunda feira fíxose público que Recursos Minerais de Galicia SA -a filial do grupo aragonés Samca para explotar a mina de litio de Doade, Beariz, comarca do Carballiño- incorporou ao seu capital social Recursos de Galicia (RDG), empresa público-privada participada maioritariamente pola Xunta da Galiza. Esta operación permitirá á filial de Samca “avanzar no seu proxecto de minaría subterránea de extracción de litio e feldespatos en Beariz".

RDG, sociedade participada pola Administración galega, achega á compañía Recursos Minerais de Galicia 750.000 euros mediante unha ampliación de capital de 10%, ascendendo así o capital total da compañía a 7.500.000 euros. 90% restante permanece no Grupo Samca, a compañía aragonesa que capitanea o proxecto declarado estratéxico pola Xunta da Galiza e a Unión Europea para extraer litio en Beariz.

Este movemento empresarial arredor do proxecto da Mina de Doade puxo en alerta a veciñanza de Beariz e a Plataforma SOS Suído, que considera “moi preocupante esta nova situación” e advirte de que “xuridicamente crea un enorme conflito de intereses”, xa que “a Xunta ten que avaliar o seu propio proxecto”, sinalan.

A veciñanza en contra deste proxecto mineiro tamén apunta a que “resulta cando menos alarmante que o até hai pouco director do proxecto Mina Doade da empresa Recursos Minerais de Galicia poida estar hoxe ao cargo da sociedade RDG que, precisamente, vai informar sobre a adxudicación dos dereitos mineiros a concurso”.

O pasado 25 de marzo a Comisión Europea incluíu entre 47 proxectos “estratéxicos” o de extracción de litio en Doade. A veciñanza desta zona xa gañou no ano 2020 unha batalla contra o proxecto mineiro Alberta I, un informe da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil sobre a posíbel contaminación de acuíferos fixo que a Xunta tivese que rexeitar o proxecto.

Cinco anos despois, a veciñanza volve mobilizarse contra un proxecto que se situará “enriba das cinco traídas de auga que nos abastecen”. Agora, a Xunta da Galiza vén de entrar no capital social da empresa que quere explotar esta mina.

Esta segunda feira ao facer pública a alianza entre a empresa público-privada e a filial da aragonesa Samca, o conselleiro delegado de RDG, Emilio Bruquetas, asegurou que a operación sitúa Galiza “en condicións de avanzar en autonomía estratéxica”.

Bruquetas afirmou que RDG atopou na aragonesa Samca “un socio que entende e comparte a nosa visión sobre os recursos naturais”. José Manuel Saldaña, conselleiro de Samca, dixo que o acordo asinado con RDG permitirá a Samca “afondar no seu interese polo aproveitamento de materias primas na Galiza”.

RDG ten á Xunta da Galiza como principal accionista e está integrada por 32 empresas como Abanca, Martabela, Cabicastro ou Ence Terra.

O cuestionamento a este proxecto ven ademais polo feito de que a extracción de litio sería a única actividade que este proxecto tería na Galiza. Logo de aspirar Vigo á fábrica de batarías de litio, esta finalmente vaise instalar en Zaragoza, Aragón, de onde é orixinaria a empresa mineira que busca explotar Doade. Así, o mineral que Samca extraería da Galiza fecharía o ciclo de produción de batarías fóra do territorio galego.