Sobretensión, desconexións de centrais e oscilacións: o Goberno español conclúe que o apagamento foi "multifactorial"

Sara Aagesen, esta terza feira, 17 de xuño. (Foto: Carlos Luján / Europa Press)

O Executivo prepara un decreto para regular mellor o sistema.

Cincuenta días despois do apagamento do 28 de abril, a ministra para a Transición Ecolóxica, Sara Aagesen, informou onte na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros e Ministras do informe sobre as causas do apagamento. Segundo explicou, o informe conclúe que o cero enerxético produciuse por un problema "multifactorial" no que houbo "episodios de sobretensión, oscilacións e desconexións de centrais". A ministra avanzou que a vindeira semana aprobarase un decreto lei para supervisar mellor o sistema "para que un episodio similar non se volva producir".

O informe descarta "por completo" un ciberataque como causa do apagamento, asegurou, e a pesares desa afirmación dixo que o Goberno español acelerará a transposición da Directiva de Ciberseguridade e Entidades Críticas para protexer as redes de posíbeis ataques cibernéticos.

O documento tamén apunta como orixe da apagada "un conxunto de factores que se desenvolveron en cadea e provocaron o cero enerxético". A ministra sinalou que o informe revela que confluíron ese 28 de abril "unha combinación de factores" logo dunha "causa cero" que, segundo explicou, "foi un fenómeno de sobretensións, unha reacción en cadea, desconexións de xeración que á súa vez provocaron novas desconexións".

No relatorio do acontecido sitúase a causa principal do cero enerxético en tres grandes factores, o primeiro deles que o sistema non tiña suficiente capacidade de control da tensión dinámica, detallando a ministra que o programa final do operador do sistema (Rede Eléctrica Española) con grupos de capacidade de control de tensión "foi o menor" desde comezos de 2025, ao que se sumou que os grupos de xeración que tiñan que ter vixiado a tensión "non absorberon toda a enerxía reactiva que se agardaba".

Control da tensión

Nestas condicións, Aagesen destacou que "faltaban capacidades de controlar tensión", a pesares de que "había parque de xeración dispoñíbel suficiente para responder". De feito, a vicepresidenta detallou que ese día as 10 centrais seleccionadas para o control da tensión estimaron que a térmica non era precisa e o informe detalla que o resto "tiñan algún grao de incumprimento". 

O informe estabelece unha segunda causa do apagamento, segundo explicou Aagesen, "as oscilacións condicionaron o sistema, sobre todo dúas, unha delas máis atípica". E ante estas oscilacións, aínda que o operador aplicou as medidas protocolizadas para contelas, estas medidas situaban á súa vez o sistema nunha situación de maiores tensións". A terceira causa da apagada, abondou, é que aconteceron "desconexións de xeración", das que dixo que algunhas "foron aparentemente indebidas", e que finalmente fixeron "un fenómeno de escalada de tensión". 

As conclusións do informe poñen o foco no control da tensión como causa do apagamento, e aínda que o informe non sinala culpábeis con nomes e apelidos, a ministra anunciou que o novo decreto lei estabelecerá oito bloques de actuación desde o punto de vista da operación do sistema e tres bloques na ciberseguridade e sistemas dixitais.

A primeira medida que avanzou Aagesen será "o reforzo da supervisión e verificación do cumprimento das obrigacións" de todos os axentes. Ademais, explicou, a nova regulación reforzará os recursos para controlar a tensión e protexer ao sistema nas oscilacións. Así mesmo, estabelecerá un novo "servizo de control de tensión".