O sector europeo de defensa dispárase en bolsa ante a perspectiva de maior gasto militar
As principais empresas de Europa relacionadas co sector de defensa e seguridade iniciaron a sesión desta segunda feira con fortes subas nos mercados, despois de que o secretario xeral da OTAN, Mark Rutte, asegurase que varios estados anunciarán "inminentemente" aumentos do gasto militar.
En concreto, Rutte referiuse a que varios executivos europeos expresaron a súa intención de incrementar o seu orzamento de defensa en apoio a Ucraína, no marco do encontro que tivo lugar este domingo en Londres.
Deste modo, o índice selectivo paneuropeo Stoxx Aerospace & Defence, que agrupa as principais empresas cotizadas do sector, anotaba unha repunta que chegaba a ser superior a 6,33% para alcanzar os 2.224,25 puntos cara ás 10.30 horas desta segunda feira.
Entre as maiores subas en bolsa, destacaban os avances de 12% das accións da alemá Thyssenkrupp, que fabrica submarinos, e de Rheinmetall, responsábel dos tanques Leopard, así como a alza de 11,6% para a tamén xermana Renk Group, provedor de sistemas e compoñentes para a industria de defensa.
Fóra de Alemaña, destacaban as subas de 9,4% para as accións da sueca SAAB e de 11,4% para as da italiana Leonardo, así como de 13,3% para os títulos da francesa Thales, mentres que os do contratista británico de defensa BAE Systems avanzaban 13%. No caso da española Indra, a revalorización das accións era de 9% na primeira hora da sesión.
Despregamento de tropas
A cotización das empresas do sector da defensa e a seguridade subiu ante a situación xeopolítica a raíz da invasión rusa de Ucraína e o novo papel dos Estados Unidos de América ante o conflito. Ademais, algúns estados europeos abriron a porta a realizar nun futuro próximo un despregamento de tropas en Ucraína.
Ao respecto, a vicepresidenta da Comisión Europea para unha Transición Limpa, Xusta e Competitiva, Teresa Ribera, recoñeceu que a Unión Europea (UE) vai ter que "reforzar" as súas capacidades defensivas e "avanzar pola súa conta" ante o "abandono" dos Estados Unidos desde o retorno de Donald Trump á Casa Branca.