Sandra Moreira, investigadora do Idega e o Cernas: "As macrogranxas son quen menos contribúe á sostibilidade"

A investigadora Sandra Moreira Coelho. (Foto: Nós Diario)
Sandra Moreira (Monção, Portugal, 1979) é investigadora do Instituto de Estudos e Desenvolvemento da Galiza e do Centro de Investigación de Recursos Naturais e Sociedade de Portugal. É técnica do sistema de información agraria da Comisión de Coordinación do Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal, adscrita ao Goberno luso. Na Universidade de Santiago investiga sobre economía agraria familiar.

—Tanto na Galiza como en Portugal, dáse á actividade agraria  familiar o valor que ten?
Non. Estou estudando a realidade na Galiza para no meu doutoramento facer unha comparativa homoxénea na zona do Xurés (Baixa Limia).

Temos unha fronteira pero a realidade e as dificultades son as mesmas. A agricultura familiar é unha das áreas máis marxinadas e precisa de moito máis apoio que os agricultores cunha dimensión económica superior.

Os desafíos son diferentes, son maiores, e a actividade agraria familiar non ten voz. A maior parte da agricultura tanto en Portugal como na Galiza é familiar, pequenos produtores, pero son os grandes os que teñen máis apoios. As explotacións da agricultura familiar van diminuíndo e os grandes absorben os pequenos.

—Que desafíos enfrontan no agro familiar en Portugal?
Polo meu traballo teño unha gran proximidade cos labregos e as labregas, por iso coñezo mellor a agricultura familiar e podo falar desde a experiencia. Vexo os desafíos que enfrontan estes labregos porque os produtos non se venden a prezos xustos.

Había apoios públicos pero moitos deses apoios reducíronse diminuíndo os ingresos de quen produce. Tamén hai falta de relevo xeracional, á mocidade non lle gusta as condicións de traballo do agro, non hai infraestruturas para que quede no rural, e moitas veces marchan ás cidades a traballar máis e a vivir peor.

—Na Galiza están a proliferar o modelo das macrogranxas. Que efectos están a provocar este tipo de explotacións tanto no territorio luso como no galego?
Os grandes son grandes porque van aumentando, quedan coas áreas dos máis pequenos. É preciso que as macrogranxas existan pero non se lles pode mirar só a elas e dicir que son as mellores, porque non o son,  son quen menos contribúen á sostibilidade, non apostan por razas autóctonas, eles só ven os números, poden traer traballo pero moitas veces non son os mellores para a comunidade local.

A agricultura familiar ademais de ter un papel chave na conservación e valorización das prácticas agrícolas e as variedades autóctonas, contribúen tamén na seguridade alimentaria e no coidado da paisaxe e as macrogranxas non, non proporcionan os bens e servizos ecosistémicos esenciais á sustentabilidade. Non son tan beneficiosas para o desenvolvemento sostíbel.

—O futuro da actividade agraria tanto na Galiza como en Portugal, por onde considera tería que encamiñarse?
Por apoios dos seus respectivos gobernos, pero non só a nivel de financiamento senón tamén en formación e en creación de infraestruturas.

Hai que pensar tamén na multifuncionalidade, unha finca pode ter ademais da práctica agrícola ou pecuaria outra actividade como o agroturismo ou as terapias, son cousas que traen outros rendementos ás familias, e son unha boa base para conseguir a continuidade das explotacións. A agricultura familiar tamén pode ser moderna, recorrer á tecnoloxía e á capacitación. Os agricultores familiares están cada vez mais formados e merecen unha vida digna como os outros.

O eucalipto e o agro a ambas as beiras

Sandra Moreira Coelho está a comprobar que a agricultura familiar da Galiza e do norte de Portugal ten basicamente as mesmas oportunidades pero tamén os mesmos problemas de subsistencia. Nesta comparativa que iguala ambos os territorios explica que “é bo que galegos e galegas e portugueses e portuguesas sexamos irmáns tamén neste caso da agricultura familiar, e repitamos os mesmos problemas, porque así a loita pode ser máis forte”. Preguntada pola oposición na Galiza ao proxecto da celulosa da portuguesa Altri na Ulloa,  refírese á proliferación das masas de eucalipto e á súa competencia pola terra cos labregos: “Aquí nótase moito na deforestación, cando hai incendios nótase ese plantío de eucalipto para as celulosas, e esta árbore non é autóctona, polo tanto non pode traer nada de bo”.