Rueda, malia elevar a débeda por riba dos 12.050 millóns, oponse á 'quita' dun terzo

O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, e o presidente da Xunta, Alfonso Rueda. (Foto Xunta da Galiza)
Ao feche do terceiro trimestre de 2025, a débeda galega sitúase en 12.051 millóns de euros, segundo os datos publicados esta segunda feira polo Banco de España. A débeda é xa a terceira partida máis importante dos Orzamentos da Xunta da Galiza (1.859 millóns para 2026).

A débeda galega no terceiro trimestre de 2025 alcanzou os 12.051 millóns de euros, segundo os últimos datos feitos públicos esta segunda feira polo Banco de España. Con estas cifras, o peso da débeda sobre o produto interior bruto (PIB) do país é de 14,2%, un punto por debaixo do anterior trimestre do ano (15,4%), pero lonxe aínda do 13% de limiar de referencia marcado na Lei de Estabilidade. A pesar das cifras, que nin os gobernos de Alberto Núñez Feixoo nin de Alfonso Rueda conseguen rebaixar dos 12.000 millóns de euros, o actual Executivo galego insiste en rexeitar a condonación de 4.010 millóns de débeda que puxo sobre a mesa o Goberno español, logo do acordo de investidura de Pedro Sánchez, firmado entre o PSOE e o BNG. Esta 'quita' foi aprobada a semana pasada no Consello de Ministros e está a tramitarse nas Cortes Xerais do Estado.

Esta segunda, ao remate do Consello da Xunta e a preguntas de Nós Diario na rolda de prensa, Alfonso Rueda insistía en que "Galiza non necesita a condonación, Galiza necesita un novo financiamento", a pesar de que , segundo informou onte o Banco de España, a débeda seguía por riba dos 12.000 millóns de euros. Como único argumento contra a condonación dun terzo desa débeda, Rueda volveu argumentar: “Reafírmome en que a condonación da débeda é porque hai unha comunidade [en referencia a Catalunya] que a necesita”. A pesar de terse convertido a condonación nun anteproxecto de lei aprobado polo Consello de Ministros e que entrou xa na súa tramitación nas Cortes Xerais do Estado español, o presidente da Xunta insistiu onte en que “non mudou o noso posicionamento". 

Rueda desbota de feito a súa aprobación, e preguntouse “se o Goberno central ten algunha capacidade para aprobar algo no Congreso". Así respondeu ás preguntas deste xornal sobre que posición manterán os deputados e as deputadas do PP galego na votación da 'quita' no Congreso. Porén, o xogo de maiorías na Cámara Baixa será a chave para sacar adiante a condonación dos 83.252 millóns de euros de débeda das comunidades autónomas recollido no proxecto de lei aprobado en segunda volta hai unha semana polo Consello de Ministros -a primeira volta foi no mes de setembro-.

Segundo os cálculos incluídos polo Goberno español no anteproxecto de lei, a condonación para Galiza sería a sexta maior de todas as previstas, só por detrás de Andalucía, Catalunya, Castela-A Mancha, Madrid e o País Valencià. Co proxecto nas Cortes Xerais, será precisa a maioría absoluta de 176 escanos para a aprobación. O PSOE ten o non do PP e Vox, e no caso de Junts precisan negociar os seus votos logo de que a formación catalá criticara que o anteproxecto semella “un café para todos” e demandara a maiores a condonación total da débeda do Fondo de Liquidez Autonómico (FLA).

Datos: Banco de España / Gráfico: Nós Diario

Cos últimos datos do Banco de España, a débeda galega aumentou desde que Rueda accedeu á Presidencia da Xunta, en maio de 2022, en 74 millóns de euros. Desde 2009, ano en que Alberto Núñez Feixoo foi elixido presidente do Goberno galego -con Rueda como vicepresidente e conselleiro en todos os seus gabinetes- a débeda da Xunta multiplicouse por tres, pasando dos 4.859 millóns  no feche do exercicio de 2009 até os actuais 12.051, segundo as novas cifras do Banco de España. Esta débeda, repartida por cada galego e galega, implica que cada persoa adebeda 4.429,3 euros. Desde que o PP goberna a Xunta de Galiza aumentou en 2.676,7 euros a débeda para cada persoa.

A cifra da débeda galega neste terceiro trimestre de 2025 está entre as sete máis altas por períodos de medición do Banco de España dos últimos 16 anos, que coinciden coa chegada ao poder do PP á Xunta logo do bipartito PSdeG-BNG. O endebedamento multiplicado por tres dos Executivos galegos neste período supuxo para a poboación pasar dos 1.752,6 euros de débeda por habitante en 2009 a os actuais 4.429,3 millóns por cada galego. 

Case 2.000 millóns orzados

Mentres os gobernos de Feixoo e Rueda foron incrementando a débeda até multiplicala por tres, tamén foi subindo a cantidade destinada nos orzamentos da Xunta para o pagamento de intereses e custos asociados á débeda. Nas contas da Xunta para 2026, que aprobará previsibelmente esta terza feira o Parlamento cos votos do PP, a débeda e os seus custos asociados suporán 1.859 millóns.

O economista, profesor da Universidade de Vigo e membro do Consello Científico da Asociación pola Tributación das Transaccións Financeiras e a Acción Cidadá (Attac), Albino Prada, sinala a Nós Diario que o problema do endebedamento crecente na Galiza nos últimos 16 anos obedece a que “non hai unha política quen de recadar os impostos de quen os ten que recadar”, en referencia á insistencia do Goberno galego de rebaixar impostos ás rendas máis altas e ás maiores empresas e fortunas do país. Sinala Prada que na Galiza “o sector público está sodomizado polo privado”, o que levou nestes anos Galiza a “depender dos prestamos privados por non recorrer ao FLAG e non ter un plan de recadación que faga que os que máis teñen acheguen máis”.

Nacionalistas e socialistas exixen aceptar a condonación

Desde o BNG, a deputada Noa Presas destacou que “durante os seus anos de Goberno, o PP multiplicou por tres a débeda na Galiza mentres aplicou recortes nos servizos esenciais”, que o BNG cifra no caso da Atención Primaria só en recortes de até 1.600 millóns de euros. Presas sinala a Nós Diario que a xestión do PP “fai que o pagamento da débeda sexa esta terza feira un  lastre nas contas do país”, e lembra que, “segundo os orzamentos que o PP vai aprobar esta terza, aplicando o rodete da súa maioría absoluta, en 2026 a Xunta vai gastar máis en débeda que en Política Social”. Critican no BNG que a Xunta siga “negándose a negociar a 'quita' de máis de 4.000 millóns” e consideran a condonación da débeda "unha oportunidade histórica que o BNG conseguiu e que Galiza non pode desaproveitar”. Por iso, advertiu Presas, “se Rueda di non á 'quita', estará dicíndolle non a máis investimentos en sanidade, educación ou dependencia”.

O secretario de Economía da Executiva do PSdeG, Abel Losada, referiuse “ao abandono de funcións” da Xunta da Galiza a respecto do proxecto de lei de condonación da débeda. Losada lembrou que os 4.010 millóns de débeda na 'quita' para Galiza suporían “a condonación dun terzo dela”, e un “aforro importante en termos de interese e de pagamento

 

da contía”.