A Ribeira Sacra busca solucións ante a crise do viño tinto

Un traballador nun dos bancais vitivinícolas que compoñen a rica paisaxe da Ribeira Sacra, en Monforte (Terra de Lemos). (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Os gustos cambian, deixando tamén pegada no consumo de viño. Se até non hai moito tempo o tinto non ofrecía grandes flutuacións. no mercado, isto mudou de forma significativa despois da pandemia da Covid, pois nos últimos anos a maioría da xente opta polos brancos. A DO da Ribeira Sacra especializouse en tintos e hoxe afronta un futuro con incógnitas. 

A Ribeira Sacra é un dos lugares máis emblemáticos da Galiza polo cultivo das viñas en socalcos e por ter unha variedade de solos e microclimas que permiten a crianza de diferentes clases de uvas e uns viños tintos e brancos con moita sona dentro do mercado galego e fóra del. E se hai algo que dea idiosincrasia a este lugar é a chamada 'viticultura heroica', o traballo da vendima e das vides en ladeiras que caen sobre o Miño e o Sil.

Este elemento, que pode ser atractivo a ollos de turistas e visitantes, é un freo para unha mecanización completa do traballo arredor da uva. Case que especializada en tintos, esta Denominación de Orixe (DO) está experimentando o ir e vir do mercado vinícola, sobre todo no referente aos gustos. Houbo un cambio repentino no consumo de viño que fixo baixar as vendas de tinto e subir as de branco. Aínda así, o mercado mundial freou o mercado do viño tinto entre outros motivos pola Covid –que paralizou o transporte aos grandes consumidores–, o Brexit e mais a guerra de Ucraína –por mor dos bloqueos económicos a Rusia–. Tamén existen razóns xeracionais: fronte ás xeracións con máis anos e habituadas ao consumo de viño mesmo están as máis novas, marcadas por outras tendencias de consumo.

Baixada no consumo de tinto

O viño tinto sofre unha caída no seu consumo en todo o mundo, apunta a este xornal Roberto Rivas, presidente da Asociación Galega de Viticultura (AGV). No caso galego, sinala que as DO foráneas, como Ribera del Duero ou Rioja, están competindo fortemente co tinto galego en cuestión de prezos porque moven un volume maior de litros. As DO de tinto da Galiza –Valdeorras, Monterrei e Ribeira Sacra– venden sobre todo ao mercado galego, cunha baixa exportación.

Diego Rodríguez, viticultor especializado na uva amandi e actualmente traballando en encontrar novas variedades, resalta a calidade do tinto Ribeira Sacra, sobre todo porque “cada viña é diferente”, o que aumenta a diversidade. “Os tintos desta DO véndense ben”, afirma. Porén, para el hai un problema nos prezos, sobre todo o da uva, porque o seu custo no mercado condiciona o que paga o consumidor. As DO con prezos baixos quitan parte do mercado aos tintos da Ribeira Sacra.

O presidente do Consello Regulador da DO Ribeira Sacra, Antonio Lombardía, coincide coa perspectiva global de Roberto Rivas. En xeral, hai unha baixada no consumo de viño tinto, mais tamén hai a nivel mundial do consumo de alcol. Alén disto, Lombardía apunta que as vendas desta Denominación de Orixe subiron 10% en relación co ano pasado. En canto á suba de vendas do viño branco, considera que efectos como o aumento da calor a causa do cambio climático estarían inclinando os e as consumidoras a escolleren branco. Mais o presidente do Consello Regulador lembra que o viño mencía, aínda sendo tinto, é un caldo "fresco en comparación con outros tintos".  

Solucións?

Unha consecuencia perigosa é a posíbel desaparición de pequenos propietarios. Poderían unirse en cooperativas? Si; de feito, existe un intento por parte de moitos deles para formar unha dentro da DO, co obxectivo de mellorar a comercialización dos excedentes de uva mencía que posúen. Mais, fronte a esta crise, nun primeiro momento houbo unha aposta directa pola empresa privada e a Xunta da Galiza puxo subvencións sobre a mesa. Roberto Rivas remarca que é necesario o control destas subvencións porque moitas “van para que tiren a uva ao chan” ou, se non, para destinar o viño a destilación para outros produtos.

A “frescura” da uva mencía é a aposta da Ribeira Sacra. Ou, como remarca Antonio Lombardía, é a estratexia de vender un produto fresco coas características dun tinto. O presidente do Consello Regulador apunta tamén ao enxerto de branco en vides de tinto: “É un proceso lento, mais hai que moverse”, advirte. Polo de agora van xa tres anos con cambios dentro das viñas.

Juan Luis Vázquez é un viticultor que aposta pola innovación e a variedade dentro do cultivo da vide. Entende que a aposta realizada hai 30 anos pola uva mencía acabou cun número importante de variedades de uva autóctona e derivando nun “monocultivo”. Isto foi un erro porque a Ribeira Sacra tería que competir con viñas do Bierzo xa centenarias e cun mercado aberto. A volta ás uvas autóctonas, aquelas que son minoritarias ou mesmo desapareceron na Ribeira Sacra, darían unha ampla variedade á DO que significaría traballar sobre “o real e o auténtico”. E, para levar isto adiante, hai que buscar as uvas idóneas para cada lugar.

Por último, engade que, fronte á mecanización noutras DO, a da Ribeira Sacra non pode levar adiante un proxecto neste sentido ao 100% debido á súa orografía. Vázquez ve o futuro nas diferentes uvas e cada unha coa súa autenticidade.


Os socalcos, unha pegada propia que se atopa en risco

Averdadeira marca de identidade da Ribeira Sacra son os socalcos, terrazas ou pataos. Unha maneira de adaptarse á orografía dun lugar onde as pendentes dominan caendo cara aos ríos Miño e Sil. A creación destas obras de enxeñaría popular non foi doada. Houbo que mobilizar moito material e empregar moita man de obra para conseguir que ao final a terra non escorregase coa choiva. As datas de creación destes pataos ou socalcos non están aínda determinadas, mais diferentes estudos arqueolóxicos recentes indican que os primeiros restos procederían do século X.

Forman parte da 'viticultura heroica', debido ao esforzo que supón o traballo nas viñas destas construcións. A cuestión é que este patrimonio pode desaparecer se non existe unha man de obra experta na súa construción e reparación. O tempo pode abrir as muras e levar até o río pedras, terra e vides.

O problema está na falta de formación especializada para traballar estas construcións. A día de hoxe, segundo a DO Ribeira Sacra, as obras de mantemento lévanas adiante empresas máis relacionadas coa construción que coa cantaría específica dos socalcos. É por iso que se volve necesaria a creación desa man de obra para manter un dos sinais máis identitarios desta ribeira.