Repsol non poderá abrir gasolineiras na Galiza até 2021

Estación de servizo de Repsol en Santiago de Compostela. (Xoán Roberes)
A petroleira Repsol supera 30% de cota de mercado que marca a normativa.

Repsol non ten permiso para abrir novas estacións de servizo na Galiza en 2020. Así se desprende da resolución da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas publicada esta quinta feira no Boletín Oficial do Estado (BOE) pola que a petroleira española deberá limitar o seu crecemento para cumprir así coa normativa sobre competencia no sector dos hidrocarburos.

Será a única compañía que teña limitacións para crecer na Galiza, como tamén a terán en Asturias, Aragón, A Rioxa, Baleares, Cantabria, Castela-A Mancha e Madrid. A petroleira Cepsa, pola súa banda, tampouco poderá expandir a súa rede de estacións de servizo en territorios como Ceuta, Melilla ou as illas de Formentera, Ibiza e Menorca nos próximos 12 meses.

 A Lei 8/2015 de 21 de maio establece que os operadores cunha cota de mercado superior a 30% non poderán incrementar o número de instalacións en réxime de propiedade o en virtude de calquera outro título que lles confira a xestión da instalación. Con todo, a norma permite aos operadores renovar os contratos preexistentes, aínda cando con iso superen a cota de mercado establecida como tope. O que non poderán facer é firmar novos contratos de distribución en exclusiva con distribuidores minoristas que se dedique á explotación da instalación para a subministración de combustíbeis e carburantes a vehículos, con independencia de quen ostente a titularidade da mesma. 

Fórmula de cálculo

Para computar a porcentaxe de cota de mercado, segundo figura na normativa, téñense en conta as ventas anuais do exercicio anterior das instalacións para subministro a vehículos incluídas na rede de distribución do operador ao por maior ou operadores do mesmo grupo empresarial, contidas en cada territorio. No caso da Galiza só Repsol as supera.