Rego di que os aranceis de Trump amosan "a crise do modelo neoliberal globalizado" e urxe apoio aos sectores galegos afectados

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, esta cuarta feira. (Foto: Nós Diario)
O deputado da formación nacionalista sinalou que "máis que a política arancelaria en si, o que preocupa é a súa aplicación arbitraria e brusca, que desestabiliza relacións comerciais e afecta negativamente a sectores fundamentais da nosa economía".

Durante a comparecencia do ministro de Economía, Carlos Cuerpo, o portavoz no Congreso do BNG, Néstor Rego, cualificou as políticas do presidente dos EUA, Donald Trump, como unha "expresión da crise do modelo neoliberal globalizado e da emerxencia dun novo mundo multipolar en que os países buscan recuperar soberanía política e económica". 

O deputado da formación nacionalista sinalou que "máis que a política arancelaria en si, o que preocupa é a súa aplicación arbitraria e brusca, que desestabiliza relacións comerciais e afecta negativamente a sectores fundamentais da nosa economía".

Neste sentido, advertiu das consecuencias económicas que poden ter os aranceis impostos polos Estados Unidos para sectores estratéxicos da economía galega —como o conserveiro, o pesqueiro, o vitivinícola, a maquinaria, o metal ou a industria farmacéutica—.

Así mesmo, o nacionalista definiu os gravames anunciados por Trump como unha "guerra comercial promovida polos oligarcas da administración americana no marco dun imperio en decadencia que tenta conservar a súa hexemonía". 

Ante esta situación, Rego demandou ao Goberno español medidas de apoio para os sectores produtivos galegos co obxectivo de manter a actividade e os postos de traballo. "O BNG defende a necesidade de implantar medidas paliativas e de apoio aos sectores prexudicados, sempre condicionadas ao mantemento do emprego, da actividade económica e á non deslocalización das empresas", dixo.

"Estas axudas deben distribuírse con criterios de equidade e atendendo á relevancia estratéxica de cada sector”, acrecentou Rego. Ao tempo, o portavoz do BNG no Congreso advertiu que esta situación se non se pode utilizar "como escusa para reactivar tratados comerciais moi lesivos como o UE-Mercosur", que, segundo alertou, "serían beneficiosos para os estados centrais da UE pero prexudiciais para Galiza, o conxunto do Estado español e os países do sur global".

Finalmente, o deputado galego apostou por "aproveitar a crise para avanzar cara a un modelo económico autocentrado e sustentábel, baseado no desenvolvemento dos sectores produtivos propios e na diversificación dos mercados exteriores".

Así, subliñou que "sen soberanía política non é posíbel defender con eficacia os intereses do noso país" e cuestionou o papel da UE dubidando se manterá "unha postura firme fronte á agresividade comercial dos EUA ou se volverá a someterse aos intereses estadounidenses", como exemplificou co anuncio "dun crédito de máis de 2.000 millóns de euros do Goberno español para a compra de armamento a empresas norteamericanas".