A redución de 13% na facturación das 'rematantes' preocupa ao sector da madeira

Corta de madeira na Mariña. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
As empresas 'rematantes', aquelas que adquiren a madeira en pé dos montes para o seu aproveitamento pola industria, teñen un papel determinante na cadea forestal, de aí que calquera 'freada' nas mesmas, como a que se está a vivir na actualidade, altere o conxunto do sector madeireiro. 

A Asociación Forestal Madeireira (AFM) Frouxeira vén de publicar un informe en que analiza o desenvolvemento económico das empresas rematantes de madeira na Galiza entre 2020 e 2024. As rematantes —ao redor de cen compañías no país— desempeñan un papel estratéxico no sector forestal galego, actuando como intermediarias chave entre o monte e a industria transformadora. Son as que adquiren a madeira en pé e fan a primeira transformación antes de que vaia para a industria. O mencionado estudo indica que a partir de 2023 "obsérvase unha contracción tanto en ingresos como en marxes".

Os ingresos totais caeron a 341 millóns en 2023 e a 319 millóns en 2024, evidenciando unha desaceleración do mercado tras o pico de 2022, cando o volume de negocio se situou en 354 millóns. Consecuentemente, as marxes de beneficio tamén se reduciron. "Esta caída [de 13% en dous anos] suxire que as empresas enfrontaron maiores custos ou prezos de venda menos favorábeis nos dous últimos anos do período, reducindo a súa rendibilidade".

Unha situación que liga cos prezos e rendabilidade do eucalipto, canda o piñeiro, responsábeis de gran maioría das cortas que se fan na Galiza. En 2024 a facturación pola venda de madeira de eucalipto dos montes galegos (167,2 millóns) foi a máis baixa desde o ano 2020. E queda lonxe dos 204,9 millóns de euros que a venda de eucalipto supuxo en 2018 —primeiro ano do anuario de estatística forestal de Medio Rural—. Neste tempo, entre 2018 e 2024, a facturación do eucalipto caeu en case 23%.  Os case 80.000 propietarios e propietarias que hai na Galiza perderon 37 millóns entre un ano e outro polo baixo prezo desa madeira. 

Juan Picos, profesor e subdirector da Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo (Uvigo), apunta a Nós Diario que esa baixada en actividade e facturación enmárcase nunha caída nas cortas de madeira a respecto dos 'picos' de 2022. "Os prezos de eucalipto baixan  e a xente opta por non vender". Explica este doutor pola UVigo que "a madeira non é como o leite, se consideras que cha pagan mal podes optar por mantela no monte, non se perde, algo que os produtores leiteiros non poden facer, porque o seu produto é perecedoiro".

Facturación da industria

Picos coordinou tamén recentemente un estudo sobre a cadea forestal-madeira da Galiza, elaborado pola Escola de Enxeñaría Forestal co apoio da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera). No seu caso, sitúa en ao redor de 16% o descenso no volume de negocio do sector das rematantes, no marco dunha caída na facturación da industria galega da madeira de 10% –neste caso, con datos correspondentes ao exercicio 2023–. 2.438 millóns de euros fronte aos aproximadamente 2.700 millóns do exercicio anterior. 

Manuel Galdo, presidente da Asociación de Produtores de Madeira de Viveiro (Promavi), atribúe este descenso nos rematantes a que "hai menos actividade de compra polos prezos do eucalipto",  que estiveron rexistrando baixadas de até dous euros por tonelada. Galdo tamén apunta a que a situación da pasteira Ence, "que está nunha certa crise", afirma,  arrastra o conxunto do sector. Antonte de feito a celulosa anunciaba o despedimento de 13% do persoal de Pontevedra. Promavi é unha das asociacións de propietarios máis importantes do norte da Galiza, unha área con forte negocio do eucalipto. En 2024 na comarca da Mariña cortáronse 747.409 metros cúbicos desta especie, por un valor de máis de 23 millóns de euros.

Cambio de tendencia

"Os subsectores da madeira experimentaron incrementos na produción, nas vendas e na facturación desde mediados de 2020 e até o terceiro trimestre de 2022”, apunta Picos, "cando comezou a manifestarse un cambio de tendencia, cando a demanda baixou e con ela os prezos do produtos".

"Creo que 2026 vai ser un ano frouxo" para o sector da madeira, indica Manuel Galdo, mais a seguir engade que haberá que agardar aos prezos da vindeira primavera para ver se esta sensación se confirma ou non.

Picos, pola súa parte, incide en que a madeira "sempre foi para moita xente na Galiza unha renda complementaria das rendas agrarias, que habitualmente non son moi altas, e tamén doutras rendas" e que persiste a visión do monte como algo que "é máis como un aforro que como un investimento", pois con "relativamente pouco esforzo lógrase acumular alí un capital".

Os aproveitamentos de madeira ao longo do exercicio 2024 na Galiza foron de case 10 millóns de metros cúbicos, das que máis de 94% corresponden a montes de xestión privada. Máis da metade das cortas que se efectuaron nese ano foron de eucalipto, cuxo aproveitamento situouse nos 5,7 millóns de metros cúbicos.


17% dos donos das frondosas residen fóra do país

Juan Picos lembra a Nós Diario o traballo do Instituto Galego de Estatística (IGE) no que se rexistra como boa parte das persoas propietarias de plantacións de eucalipto na Galiza son xubiladas (30%). Entre as donas de frondosas na Galiza predominan tamén os pensionistas (24,2%) e aqueles que teñen residencia fóra da comunidade (17,7%). Mentres, entre propietarios de coníferas a maior proporción corresponde a persoas xurídicas (38,4%). De feito, por idade, no tocante a persoas físicas, máis de 25% dos donos do monte galego son maiores de 80 anos e os menores de 40 non chegan a 3%, en todas as clases arbóreas. A proporción de menores de 65 anos é algo superior entre propietarios de terreos con eucaliptos, en comparación coas demais especies. O traballo tamén recolle que a prevalencia de frondosas é maior entre titulares de fóra da Galiza (56) e entre aqueles non identificados (48,8%). Este informe presentou por primeira vez datos relativos á “caracterización do propietario” a partir da análise dos datos de 50.000 persoas. Esta información permitiu, entre outros aspectos, coñecer que 79% das solicitudes de corta corresponden a persoas físicas que viven na Galiza, mentres que 16% foron realizadas por persoas xurídicas, maioritariamente comunidades de montes .