Na Galiza hai 37.700 fogares sen ingresos, o duplo que no inicio da crise

Max Boschini vía Flickr

Son 4.400 máis que hai un ano e un 91% máis que en 2009.

Na Galiza hai 37.700 fogares sen ingresos. Fogares que non contan con ningún tipo de ingresos. Nin por traballo, nin por prestación, nin axudas... É a cifra máis alta da serie histórica analizada co comezo da crise, duplica os existentes en 2010. Naquel ano estaban sen ningún tipo de ingreso 17.500 fogares. .

Durante 2011, 2012 e 2013 o número de familias nesa situación foi aumentando paulatinamente, chegando a 35.100 fogares en 2013. Comezou a descender en 2014 (34.300 familias), mais en 2015 volveu haber incremento, rexistándose 35.500 a mediados dese ano. O paro de longa duración e a fin das prestacións por desemprego, o esgotamento das axudas..... son varios os factores para explicar estes milleiros de fogares que carecen actualmente dalgún tipo de ingreso.

Familias con todos os membros activos no paro

A Enquisa de poboación activa (EPA) recolle que no segundo trimestre de 2016 había na Galiza 37.700 fogares nesa situación. Ademais, lembra o sindicato CIG, hai un total de 75.700 familias que teñen a todos os seus membros activos no paro.

Para a UGT, a preocupación por estas cifras aumenta aínda máis de se comparar coas que se rexitraban en 2009. “Constátase que o número de vivendas nas que todos os activos están no paro medran en Galiza nun 69 por cento e as referidas ás que xa non teñen perceptores de ingresos nun 91,4 por cento”. CCOO, de por parte, lembra que eses 37.700 fogares sen prestacións son 4.400 mais que en 2015.