As consecuencias da guerra chegan á Galiza: así afecta o feche de Ormuz á loxística das nosas empresas
O conflito bélico que iniciaron os Estados Unidos e Israel contra Irán está a afectar a economía global chegando en poucos días a causar preocupación en amplos sectores. É "alarmante" escalada no prezo dos combustíbeis, co barril de petróleo volvendo superar esta quinta feira os 100 dólares, a pesar da liberación de millóns de barrís das reservas mundiais, e co diésel e a gasolina rexistrando subas de 14% e 8%, respectivamente, na que xa é a segunda semana de guerra en Oriente Medio. Novos ataques a buques petroleiros rexistrados esta quinta feira no golfo Pérsico poderían levar non só ao mantemento destes elevados prezos, senón á continuidade da alza inflacionista nos combustíbeis.
Desde o Clúster da Función Loxística da Galiza prevén que o conflito teña tamén repercusións sobre as cadeas de subministración, os fluxos marítimos e os custos loxísticos. Así, no ámbito da loxística, entre as principais consecuencias que se están a observar está o feche do estreito de Ormuz, unha ruta pola que pasa perto do 20% do petróleo e que o líder iraniano, Mojtaba Jamenei, quere manter bloqueado "indefinidamente". De momento non hai visos de que a situación do estreito, e a proposta dos EUA de escoltar os barcos foi desbotada esta quinta feira pola propia Administración Trump ao admitir que non teñen capacidade para facelo.
Así, o feche de Ormuz fixo que grandes navieiras suspenderan o tránsito de navíos polo golfo Pérsico, estabelecendo ao tempo un traxecto alternativo que bordea África, engadindo semanas aos tempos de entrega e incrementando o consumo de combustíbel. A afectación tamén incide no transporte aéreo e terrestre. As cargas por aire tamén sofren interrupcións e cancelacións de voos na rexión e algunhas das maiores empresas de transporte, como a estadounidense FedEx, optaron por suspender o seu servizo en varios países próximos ao conflito. Así o recoñece a Nós Diario o presidente do Clúster Loxístico da Galiza, Xoán Martínez.
"Hai moita incerteza e máis despois de sabermos por parte de cargadores e operadores que as navieiras transmiten que a situación está a afectar os fluxos de transporte", afirma. "Cada día recibimos notificacións de cancelacións de servizos que ían cara ao golfo Pérsico por parte das navieiras que transportan os contedores e tamén dos problemas que hai co transporte aéreo", agrega o presidente. Ademais, sinala Martínez, a guerra comezou "cando moita mercadoría xa estaba en camiño e agora o traballo é reasignar portos e aeroportos novos". Aliás, o responsábel do Clúster de Loxística apunta que as empresas están a recibir nos últimos días "recargos económicos que aumentan de maneira considerábel o frete, incrementando os custos das importacións e das exportacións".
Polo de agora as propias empresas non fixeron públicas as consecuencias económicas que teñen ante esta situación polas dificultades que teñen cargadores e operadores. Nós Diario tentou contactar con algunha delas, como o caso de Operinter –con presenza en Oriente Medio– mais rexeitaron declaracións. "Hai que ter en conta que o impacto é global e non local, polo que non só afecta Galiza, e agora xa se están a comunicar aumentos nos fretes que non teñen vinculación ningunha co golfo Pérsico", aclara Martínez. "Todo isto ademais do que aconteza co petróleo e os combustíbeis que empregan barcos e avións".
60 millóns ao mes
Nesta liña, o sector da siderurxia alertou tamén das complicacións económicas que provoca o conflito bélico. A Unión de Empresas Sirderúrxicas (Unesid) trasladou esta quinta feira ao Goberno galego a súa "preocupación" pola escalada nas tensións internacionais e polos efectos que están a ter tanto a suba no prezo dos combustíbeis como na loxística. A entidade cifra en 60 millóns de euros mensuais os custos globais para o sector estatal de mantérense os prezos elevados.
"Importadores e exportadores pouco poden facer máis alá de seguir as directrices dos cargadores", afirma o responsábel do Clúster. A situación xeográfica do conflito marca as directrices. "Os donos dos barcos e dos avións son os que mandan, cando deciden mudar de punto de descarga ti pouco podes discutir", confirma Martínez. Por este motivo, "a maior parte das empresas suspenderon importacións e exportación con Oriente Medio e só unhas toman a decisión de tentalo por rutas alternativas", engade. O peor para o sector da loxística, segundo o responsábel do Clúster, "é que non temos moita máis información que a que ten todo o mundo sobre canto durará o conflito".
No mellor momento
Coa continuidade da guerra contra Irán todo indica que as relacións comerciais con Oriente Medio comezan a estar nun punto perigoso se o conflito non remata, algo que o presidente estadounidense, Donald Trump, anunciou a comezos desta mesma semana mais que aínda non se materializou. Todo nun momento en que as exportacións e importacións da Galiza cara a esa zona do planeta estaban medrando, segundo indican os últimos datos que publica o Instituto Galego de Estatística (IGE), correspondentes ao exercicio de 2025. Así, ambas as dúas multiplicáronse por tres desde o ano 2000.
Ese ano as exportacións da Galiza aos países de Oriente Medio alcanzaron os 140,9 millóns, e as importacións estaban en 73,9 millóns. Pola contra, o ano pasado fechaba con cifras de exportación de 394,6 millóns de euros e de importación por valor de 213,1 millóns de euros.
Nas exportacións, os bens de consumo son protagonistas nas exportacións, que pasaron de 101,3 millóns en 2000 a 241,8 en 2025. Dentro deles, os bens de consumo non alimentarios son a parte principal (téxtil-confección, outros manufacturados): de 97,4 millóns en 2000 a 190,4 no ano 2025.
Con todo, os alimentarios disparáronse de 3,9 millóns a 51,4 millóns. Estes dous sectores son os que agora están afectados polas dificultades loxísticas para que cheguen os seus produtos á zona de conflito ou que pasen por ela para rematar no seu destino final.
Medidas fiscais para o transporte e o agro
A vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, pediu esta quinta feira "tranquilidade" porque o Goberno español "está traballando" nun paquete de medidas, das que "algunhas" irán ao Consello de Ministros da próxima semana, para afrontar o impacto económico e social do conflito en Oriente Medio.
Díaz afirmou que se tomarán medidas como a prohibición de despedir "por causas enerxéticas", como se fixo xa en anteriores crises.
A ministra avanzou tamén que o Goberno estatal quere anticipar os plans de mobilidade "para que os transportes sexan colectivos" polo menos nas empresas grandes, ante un prezo da gasolina e do gasoil que antonte xa rexistraba un prezo medio de 1,68 e 1,83 euros por litro, respectivamente. A este respecto, o Ministerio de Facenda valora intervir na fiscalidade dos prezos dos combustíbeis para rebaixar os custos dos sectores produtivos máis afectados. Precisamente, o ministro de Economía, Comercio e Empresa, Carlos Cuerpo, anunciou esta quinta feira medidas fiscais dirixidas, inicialmente, "ao campo e ao transporte", e que aprobarán coa "máxima celeridade posíbel".
En canto ao ámbito social, o ministro de Consumo e Dereitos Sociais, Pablo Bustinduy, estaría traballando na conxelación dos alugueres e dos desafiuzamentos.
IVE en alimentación
Aliás, e en resposta á petición que o presidente de Mercadona, Juan Roig, fixo esta semana sobre a rebaixa do IVE dos alimentos ao 0%, Yolanda Díaz mostrouse esta quinta feira contundente: "Sería un erro". "Xa o vivimos, e non baixaron os prezos", dixo, engadindo que habería que intervir os prezos e subir os impostos ao sector da distribución.