Por que Portugal paralizou os intercambios comerciais de enerxía co Estado español?

A ministra Sara Aagesen presidiu esta cuarta feira a primeira reunión do comité de análise do apagamento. (Foto: Gustavo Valiente / Europa Press)
O director de Redes Energéticas Nacionais (REN), João Faria Conceição, fixo saber que os intercambios comerciais de enerxía entre Portugal e o Estado español foron cortados por unha "cuestión de prudencia". Neste contexto, expertos consultados por Nós Diario poñen o foco na incapacidade do sistema eléctrico para soportar toda a potencia que se pretende instalar na Galiza, así como nas "dificultades de xestión" que provoca a separación entre produción e consumo.

Os intercambios comerciais de enerxía entre Portugal e o Estado español fican detidos "por precaución", segundo anunciou o director de Redes Energéticas Nacionais (REN), João Faria Conceição, tras o apagamento xeneralizado rexistrado na península Ibérica.

Desta maneira, o responsábel da empresa encargada do transporte de electricidade e gas no territorio luso explicou a última hora desta terza feira que "as interconexións entre os sistemas están operativas, mais non hai intercambios de enerxía en termos comerciais" entre os estados.

Faria Conceiçao indicou que o que falta é "garantir a completa estabilización do sistema" para "pasar ao normal funcionamento dos mercados almacenistas". "A partir dese momento, podemos dicir que o sistema volveu, tanto en termos técnicos como económicos, a un funcionamento completamente normal", agregou o director de REN. 

Para iso, sinalou que é necesario "xestionar o sistema eléctrico de forma separada", como "cuestión de prudencia", nunha decisión tomada de forma conxunta entre o Goberno portugués, a Dirección Xeral de Enerxía, así como autoridades e entidades homólogas na rede eléctrica do Estado español.

"Imaxino que isto será temporal, provisional, até que o Estado español resolva os problemas que poida ter, e tome as medidas de seguridade pertinentes para evitar que este suceso [o apagamento] se volva repetir", explica en conversa con Nós Diario o tesoureiro da cooperativa de consumo e autoconsumo de enerxía renovábel Nosa Enerxía, José Antonio Eiras.

Ao respecto, o doutor Damian Copena, membro do departamento de Economía Aplicada na Facultade de Administración e Dirección de Empresas (ADE) da Universidade de Santiago de Compostela (USC), destaca a este xornal que "os sistemas están agora mesmo centralizados e iso ten dificultades de xestión nun modelo de gran produción con macroinstalacións nas que en moitos casos a xeración está moi lonxe dos lugares de consumo". 

"Se queremos avanzar cara a modelos máis sostíbeis, máis resilientes, que teñan máis capacidade de adaptarse a posíbeis problemáticas e sexan eficientes, debemos camiñar cara á produción descentralizada", salienta.

Sobre a capacidade da rede de eléctrica para soportar a potencia, Eiras argumenta os proxectos actualmente proxectados na Galiza "supera con moito o que hai agora mesmo instalado". "E non sei se ten sentido tampouco que se instale tanta potencia coa demanda eléctrica actual e coas problemas de flexibilidade que estamos vendo que existen", di.

"Tería sentido se estamos pensando en pequenas instalacións que sirvan para nutrir os edificios e as pequenas industrias, en procesos de autoxeración da propia enerxía necesaria, aí si cabería e temos moito camiño para avanzar, mais non para seguir afondando nese modelo de grandes infraestruturas enerxéticas localizadas moi lonxe dos lugares de consumo", argumenta Copena.

Comunidades enerxéticas

Eiras afirma que "as comunidades enerxéticas si que poderían aportar mecanismos para tentar polo menos dotar maior flexibilidade da rede eléctrica pola parte do consumo". Sobre esta cuestión, segundo abonda, "cunha orde por internet poderías interromper ese consumo inmediatamente e axudar a estabilizar a rede moito máis rápido que coa industria, a cal precisa un preaviso de moito máis tempo".

"Desde o punto de vista da utilización dos recursos, a produción descentralizada a través de modelos moi participativos como poden ser as comunidades enerxéticas ou outros similares,  é claramente o camiño polo temos que ir", acrecenta Copena.

As empresas tiñan até esta cuarta feira para entregar os seus datos

A presidenta de Redeia –a matriz de Rede Eléctrica Española–, Beatriz Corredor, informou esta cuarta feira de que o Goberno español deu tanto a Redeia como aos demais centros de control e operadores privados como prazo máximo até a tarde desta cuarta feira para que lle remitan todos os datos do incidente que desembocou no apagamento da segunda feira.

A presidenta de Redeia recoñece que o "risco cero" doutra crise é Imposíbel

Tras dicir que o apagamento "a día de hoxe no volverá a ocorrer", Corredor recoñeceu que o "risco cero" de que outro apagamento ocorra "é imposible de descartar", fronte ao que enxalzou que o sistema español é o "mellor sistema do mundo e conta co mellor equipo do mundo que estivo á altura". Por outra parte, a presidenta de Redeia descartou dimitir do seu cargo.

Precisamente esta cuarta feira, a vicepresidenta terceira do Goberno español e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Sara Aagesen, apoiou a xestión de Corredor no apagamento sufrido tras o colapso do sistema eléctrico peninsular.

Tras un Consello de Ministros e Ministras extraordinario, Aagesen, que tamén presidiu esta cuarta feira a primeira reunión do comité de análise da crise enerxética, considerou que o traballo de Rede Eléctrica, de todo o seu equipo, da presidenta e do persoal técnico, foi "extraordinario, e por iso puidemos contar co restabelecemento da subministración".

Ademais, o Goberno español deu luz verde a un acordo polo que permite a ampliación de termos e prazos até as 00.00 horas do 6 de maio para os procesos administrativos afectados durante a interrupción xeneralizada da subministración eléctrica.

Ademais, o Executivo estatal sinalou que os cortalumes previstos polo sistema eléctrico actuaron a segunda eira ante o apagamento que colapsou a península Ibérica, mais a desconexión eléctrica masiva "foi de tal magnitude" que os superou.

En concreto, segundo detallaron fontes gobernamentais, había suficientes proteccións para facer fronte a unha caída de até 15 xigawatts (XW), 60% da demanda que había nese momento, mais a baixada superou ese limiar.

Cuerpo calcula un impacto a nivel estatal do apagamento de 800 millóns

Por outra parte, o ministro de Economía, Comercio e Empresa, Carlos Cuerpo, avanzou esta cuarta feira que o Goberno español manexa unhas estimacións propias sobre o impacto na actividade económica do apagamento enerxético que poderían alcanzar un máximo de 800 millóns euros.

Denuncias pola xestión da Xunta nas escolas infantís

Patronal, sindicatos e persoal de escolas infantís reclamaron "protocolos claros" ante situacións como o apagamento na península Ibérica co fin de evitar a "descoordinación" e a confusión da terza feira sobre a apertura dos centros.

A segunda feira pola noite, tras horas sen electricidade, o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, anunciara que se suspendían as clases en colexios e escolas de 0 a 3 anos. A determinación do Goberno galego, en parte pola rede extensa de transporte escolar e co ánimo de aforrar combustíbel, era fechar os centros. A decisión adoptouse cando estaba en vigor o nivel 2 de emerxencia e aínda tiña o mando a Xunta, mais pouco despois activouse o nivel 3 e a coordinación pasou a mans do Gobierno estatal. A directriz mudou e foi que, aínda que sen actividade lectiva, reabrisen os centros, como ratificou Rueda cando xa era a terza feira pola mañá.

"Caos" nas residencias

Por outra parte, a CIG denunciou o "caos" que no contexto do apagamento se deu nas residencias privadas. Segundo un comunicado do sindicato, houbo persoas usuarias que quedaron "sen respiradoiros", outras que non puideron saír dos seus cuartos e outras que non puideron entrar neles, polo que "tiveron que durmir en colchonetas no chan". A central nacionalista alertou da "precariedade" destes centros pola falta de persoal e medios, carencias todas elas que se fan "evidentes" en crises como esta ou como a pandemia da Covid.

Así mesmo, a CIG denunciou que a Xunta fai "oídos xordos" ante estas reivindicacións e o traslada o seu "malestar" porque Rueda asegurou, di o sindicato, que "practicamente non se rexistrou ningunha incidencia".