A que idade legal sobe a xubilación a partir de 1 do xaneiro?

Na Galiza hai case 776.000 persoas pensionistas. (Foto: Gabriel Luengas / Europa Press)
En virtude da reforma das pensións aprobada en 2013.

As persoas que queiran xubilarse no Estado español a partir do 1 de xaneiro de 2025 con 100% da pensión terán que ter polo menos 66 anos e oito meses cumpridos, en virtude da reforma de pensións de 2013, na que se elevaba progresivamente a idade de xubilación desde os 65 aos 67 anos nun horizonte total de 15 anos. Estes 66 anos e oito meses será a idade que se exixa para quen acredite menos de 38 anos e tres meses de cotización (en 2024 esíxense 66 anos e seis meses cumpridos para poder xubilarse con menos de 38 anos anos cotizados).

Se se superan os 38 anos e tres meses cotizados, os traballadores e traballadoras que queiran xubilarse desde o 1 de xaneiro de 2025 con 100% da pensión terán que ter 65 anos cumpridos.

O que non cambiou coa reforma de 2013 é o requisito de cotización mínima para poder acceder á pensión contributiva de xubilación, que se mantén en polo menos 15 anos, dous dos cales deben estar comprendidos nos 15 anos anteriores á xubilación.

No caso de que a persoa traballadora queira acceder á xubilación parcial sen que a empresa faga un contrato de substitución, a idade mínima de acceso será a idade ordinaria de xubilación que en cada caso resulte de aplicación.

Xubilación anticipada

A Seguridade Social permite xubilarse anticipadamente aos traballadores de forma voluntaria até máximo de 24 meses antes da idade legal ordinaria. Deste modo, en 2025, a idade mínima de acceso á xubilación anticipada voluntaria será de 64 anos e oito meses sendo obrigatorio cotizar polo menos 35 anos para poder acceder a esta modalidade.