O proxecto de Lei de Acuicultura da Xunta levanta ronchas en sectores do PP

Batea de mexillón

Os populares dos concellos da Ría de Arousa recoñecen que non poden defender ou avalar un ante-proxecto que xera a oposición unámime dos sectores produtivos do mar.

O ante-proxecto de Lei de Acuicultura da Xunta semella que non convence nin aos seus. Logrado o rexeitamento unánime dos sectores produtivos do mar, de organizacións ambientalistas, de forzas sindicais e partidos da oposición, agora o repudio ao ante-proxecto provén do PP da comarca do Salnés. “Non podemos apoiar esta lei”, afirmou o voceiro dos populares na Illa de Arousa, Juan José González, momentos antes de que o seu partido unise os seus votos a BNG e PSOE nun pleno para pedir a retirada da polémica lei. “Temos que estar do lado da nodsa xente”, engadiu. E iso, nunha comarca onde o mar é a principal industria, significa mariscadoras, mariñeiros, bateeiros...

Mais o PP da Illa non está só. É unha postura dos populares a nivel de comarca e mesmo alcaldes como Gonzalo Durán (Vilanova de Arousa) poñen a Lei de Acuicultura como exemplo das cousas mal feitas polo goberno da Xunta. En Rianxo, o PP optou por se abster na votación para pedir a retirada desta lei. BNG, PSdeG e Rianxo en Común apoiaron a petición.

O ante-proxecto da ei recibiu perto de 90 alegacións. Os detractores consideran que é un ante-proxecto que vai facilitar o camiño para o desembarco nas rías galegas de grandes multinacionais de piscultura industrial en detrimento da pesca, marisqueo e acuicultura tradicional.