Produtores de castaña alertan da entrada na Galiza de produto chileno libre de aranceis
Coa recente polémica arredor da sinatura do acordo de libre comercio entre a Unión Europea (UE) e o Mercosur (Brasil, Arxentina, Uruguai e Paraguai) e as protestas do sector agrogandeiro galego pola “competencia desleal” coa mercadoría destes países, os produtores galegos de castaña veñen de alertar dos posíbeis efectos prexudiciais no sector derivados do Acordo Marco Avanzado UE-Chile, asinado en decembro de 2023 e que entrou en vigor o pasado mes de febreiro de 2025. A Asociación Galega de Castañas e Soutos (AGCS) critica que este acordo “elimina aranceis ao 99,6%". "Desde febreiro entra xa castaña chilena con aranceis cero, co que a industria pode mercar barato fóra e tirar os prezos aquí”, afirman desde a AGCS.
A asociación recoñece que a castaña chilena prodúcese en época distinta da galega, nos meses de marzo a maio, e, aínda que a súa presenza no mercado “non afectaría o magosto”, sinalan que “pode rebentar o mercado da industria se as fábricas enchen na primavera os seus almacéns con produto chileno máis barato e sen aranceis”. Afirman desde este colectivo de produtores que se isto acontece “non van querer pagar a castaña galega a un prezo xusto no outono”. Ademais advirte o seu tesoureiro, Pablo Vilaverde, en conversa con Nós Diario, que a industria “pode mercar barato fóra e tirar os prezos na Galiza”.
Diante desta situación, e igual que están a criticar nas rúas os agricultores e gandeiros da Galiza contra o tratado de libre comercio co Mercosur, “non estamos en contra do comercio, pero si de ter que xogar con regras diferentes que poñen en risco o futuro do sector e dos soutos galegos”. Afirman que “mentres aquí nos exixen todo –en referencia aos controis de calidade da UE e á trazabilidade– abren a porta de atrás ao que ven de fóra e nós queremos xogar coas mesmas cartas”, di Vilaverde.
Desde a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Castaña da Galiza, o secretario do Consello Regulador, Manuel López, recoñece en conversa con Nós Diario que “a industria xa compraba en Chile, porque a castaña na Galiza non chega para abastecer”. Sinala López que “Chile pode facer dano no futuro”, e destaca que na IXP “preocupa toda a competencia pero preocupa máis que o consumidor non teña diferenciado nos lineais dos supermercados o produto galego de calidade”.
Organizar e facer rendíbel o sector
Na Galiza hai 49.000 hectáreas de castiñeiros que producen ao ano entre 10 e 20 millóns de quilos, cun valor económico de 50 millóns de euros anuais en produtos procesados con castaña. Galiza exporta gran parte desta produción a máis de 30 países de todo o mundo, con especial incidencia nos últimos anos en Suíza e no Xapón. Na Indicación Xeográfica Protexida (IXP) hai máis de 1.300 hectáreas dalgunha das 80 variedades autóctonas de castaña da Galiza e máis de 150 produtores. Aliás, a produción de castaña da Galiza non chega para abastecer a industria e cada ano impórtanse castañas, fundamentalmente de Portugal.
Falta “organizar o sector”, segundo sinala a Nós Diario o secretario do Consello Regulador da IXP Castaña da Galiza, no país “temos a vantaxe de ter empresas suficientes para comprar o dobre do que producimos actualmente. Podería facerse moito máis, hai que plantar e tamén incorporar xente nova”. E, tamén, segundo di Manuel López, “loitar contra o abandono e contra a comercialización en negro”. Aseguran na IXP que as castañas teñen na Galiza unha “rendibilidade elevada”, a cal Manuel López cifra entre 4.000 e 5.000 quilos por hectárea, que seleccionada alcanza un prezo que se sitúa entre 1 e 3 euros por quilo.
As variedades autóctonas galegas son “as mellores” pero critican desde a IXP que falta “educar o consumidor para que as distinga”. Este ano as zonas produtoras do país –cos datos definitivos da campaña sen fechar, segundo a IXP– tiveron un resultado desigual “nas de cedo”. No interior da Galiza, onde os castiñeiros “sufriron pola seca grande e a pouca chuvia. Foron pequenas e houbo menos produción”, afirma López. No caso das de “media estación e tardías”, aseguran desde a IXP que “a produción amañouse en cantidade e calidade, e tamén porque houbo menos incidencia de enfermidades”.
Recuperación dos soutos
Desde decembro de 2024 a IXP Castaña da Galiza ampliou o territorio certificado a todas as producións do país de castaña autóctona de calidade. Tamén iniciativas como a da sociedade cooperativa Amarelante (Manzaneda, Trives), que traballa desde 2013 no cultivo en ecolóxico e sostíbel dos soutos e das castañas na Galiza. Sonia Couso fai parte de Amarelante, unha cooperativa que produce castañas en seco –coñecidas como pilongas ou crocas–, ademais de fariña e bica de castaña. Amarelante coida soutos, produción do sector e patrimonio histórico e cultural arredor dos castiñeiros na comarca de Trives. O Souto do Rei, Trabazos, As Regadas, son algúns dos soutos de Amarelante.
500 hectáreas ao ano: Advirten que a produción chilena é "boa e rápida"
Chile celebrou no 2024 por primeira vez o Día do Castiñeiro. Os produtores agrupados na plataforma PlanetNuts fixeron balance da marcha e a rendibilidade do cultivo da castaña no país. Con máis de 3.000 hectáreas nas zonas máis produtivas de Chillán e El Carmen, están estendendo o cultivo no país cara ao sur, á zona de Villarrica. Segundo os datos de PlanetNuts están plantando a razón de 400 e 500 hectáreas ao ano e agardan estabilizar o rendemento en 7.000 quilos de castaña por hectárea.
O sector en Chile defende a rendibilidade e a marxe de ganancias da castaña e dedica toda a súa produción –até agora máis de 5 millóns de quilos– á exportación a Europa e aos Estados Unidos de América (EUA). Defenden ademais que non padecen as pragas e enfermidades do castiñeiro que se dan en Europa.
Desde a IXP Castaña da Galiza Manuel López sinala que en Chile “fixeron medianamente ben o control” e teñen menos incidencia de pragas porque “son castiñeiros máis novos que os nosos”. En todo caso, advirte que “ao haber castiñeiros, hai pragas". Destaca tamén o secretario do Consello Regulador a calidade e importancia da variedade sativa e doutras autóctonas galegas, algo que “debería estar diferenciado nos lineais" para que as consumidoras as poidan discriminar.