O prezo do cacao cae 60% nun ano mais o do chocolate non baixa

Chocolate. (Foto: Hendrik Schmidt / dpa)
Esta materia prima chegou a alcanzar 11.280 dólares por tonelada o 20 de maio de 2025.

O prezo do cacao caeu en 58,9% no último ano, ficando na sesión desta quinta feira en 3.286 dólares por tonelada, após marcar máximos históricos, por riba da barreira dos 11.000 dólares, pola escaseza de oferta nos mercados. Esta materia prima chegou a alcanzar 11.280 dólares por tonelada o 20 de maio de 2025 en plena escalada dos futuros de Nova York, debendo o seu encarecemento sen precedentes na bolsa de valores a dous anos consecutivos de malas colleitas na área occidental de África, onde Costa do Marfil e Ghana producen máis de 60% do cacao mundial.

A directora de investigación macroeconómica de WisdomTree, un fondo de investimentos estadounidenses especializado en futuros agrarios, Aneeka Gupta, explicou "desde entón, o aumento das precipitacións, as mellores perspectivas da colleita e un colapso significativo da demanda, xa que os consumidores e os fabricantes resistíronse aos prezos marca do chocolate, levaron ao mercado a un excedente". Neste sentido, a Organización Internacional do Cacao prognosticou que a produción mundial supere este ano a cifra estimada de consumo en 250.000 toneladas.

A caída no prezo do cacao non vai supor que o chocolate retornen a prezos anteriores a 2024 nun futuro próximo. A este respecto, os datos achegados polo Instituto Nacional de Estatística (INE) sinalaron que ao longo de 2025 o valor do chocolate incrementouse no Estado en 12,7%, marcando unha suba inédita. O analista global de mercados de eToro, Lale Akoner, analizou que "a maioría das grandes empresas alimentarias adoitan reservar as compras de materias primas con meses de antelación, e mesmo cun ano de antelación, para estabilizar os custos".