As preguntas sobre os descontos á gasolina: canto, como e cando baixarán os prezos?

O prezo medio da gasolina subiu 40% nun ano (Foto: Nós Diario).
O Goberno do Estado vén de publicar no BOE unha serie de medidas para paliar os efectos da crise económica que inclúen unha redución no prezo do combustíbel. Respondemos ás incógnitas sobre a cuestión:

Logo da publicación no Boletín Oficial do Estado (BOE) do seu “Plan de Resposta” á crise derivada pola guerra de Ucraína, dotado con 1.423 millóns de euros, xorden numerosas incógnitas sobre a súa aplicación, que no referente á redución do prezo do combustíbel queda do seguinte modo:

A partir de cando se aplica?

A rebaixa ao prezo do combustible aplícase desde esta sexta feira, 1 de abril.

De canto será a rebaixa?

De 20 céntimos por litro, dos cales o Estado subvencionará 15 e as petroleiras un mínimo de cinco.

Até cando durará?

O “Plan de Resposta” estará en vigor durante os próximos tres meses, é dicir, do 1 de abril até o 30 de xuño, aínda que a vicepresidenta primeira do Goberno, Nadia Calviño, mencionou que o Executivo estaba aberto a "adaptar as medidas" segundo o avance “das circunstancias xeopolíticas, de seguridade, económicas ou sociais" do conflito en Ucraína.

Que carburantes entran na rebaixa?

A gasolina, o gasóleo A e  B, o gasóleo para uso marítimo, os gases  licuados de petróleo para a propulsión de vehículos, o gas natural comprimido  licuado para vehículos, o gas natural  licuado, o bioetanol e o  biodiesel, así como as mesturas de gasolina con bioetanol ou de gasóleo con  biodiesel que requiran etiquetaxe  específico ou o aditivo AdBlue.

A medida tamén marca que usos darán dereito ás bonificacións: uso como carburante en motores de vehículos terrestres, uso como carburante en embarcacións e uso como carburante en motores  estacionarios e todo tipo de maquinaria.

Cantos cartos aforrará a cidadanía durante o seu tempo en vigor?

A Organización de Consumidores e Usuarios ( OCU) cifra o aforro dun fogar medio durante os próximos tres meses en 65 euros en caso do diésel e de 75 no caso da gasolina. A organización cre "insuficiente" esta rebaixa e reclama que de forma temporal se suspendan todos os impostos relacionados coa enerxía. Lembra que o Estado, nesta situación excepcional, é o principal beneficiario do incremento dos prezos dos carburantes.