As Pontes, paralizada pola folga xeral

[Imaxe: Cedida] Saída de autocares desde As Pontes.

Comercios e hostalería fechados, e centros de ensino con servizos mínimos e sen alumnado é a radiografía dunha poboación que se suma ao paro na localidade e mobilízase en apoio da protesta que terá lugar diante do Congreso. 

As Pontes vive esta cuarta feira 16 de outubro unha xornada de folga xeral secundada de forma masiva por toda a poboación e os sectores sociais económicos e sociais do municipio. Rúas baleiras, comercios fechados é a imaxe coa que amenceu esta vila do Eume.

A única actividade da xornada tivo lugar pola mañá cando doce autocares partiron da vila, aos que se sumaron outros oito desde outros municipios da contorna, para trasladar ás veciñas e veciños até Madrid onde terá lugar unha manifestación a partir das 16 horas diante do Congreso.

“O 100% comercio e a hostalería secundou esta folga”, explica a Sermos Galiza a concelleira de Turismo, Consumo, Hostalaría e Comercio das Pontes, Elena López, “a maior parte da xente marchou cara Madrid, ademais de empregar os autocares tamén foron en tren e coches particulares”. A edil calcula que ao redor de 2.000 persoas participarán na protesta en Madrid.

A folga conta co apoio total de sindicatos, colectivos sociais e de asociacións empresariais como a Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal (Cofer), a Asociación de Empresarios de Ferrolterra (AEF), a Asociación de Comerciantes, Hostaleiros e Empresarios Ponteses (Cohempo) e a Asociación de Empresarias e Empresarios das Pontes (Seara).

Sen actividade nos centros de educación

O seguimento da folga tamén foi total no sistema educativo do municipio. Entre todos os centros suman 1.200 estudantes e esta cuarta feira acudiron en total cinco crianzas de infantil e unha de secundaria. Sermos Galiza púxose en contacto cos Colexios A Fraga, Santa María e A Magdalena e cos IES Castro da Uz e Moncho Valcárcel nos que están a funcionar con normalidade os servizos mínimos decretados mais sen asistencia do alumnado.

“Está todo pechado”, explica a Sermos Galiza José Antonio López, director do IES Castro da Uz, “é uha situación moi complicada para o municipio e as únicas persoas que acudiron ao traballo aquí son xente de fóra que está a favor da folga mais non está tan implicada”. Nese centro non asistiu o alumnado e no profesorado secundou a folga o 33%.

Máis de 130 camións partiron esta terza feira con destino Madrid para participar na mobilización en demanda dunha solución para As Pontes. Mobilización apoidada por diferentes entidades e colectivos.