Galiza gasta en I+D 100 euros menos por habitante que a media do Estado

Investigadoras do Biobanco do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (Foto: ISS Galicia Sur).
O gasto galego en investigación ascendeu a 962,8 millóns de euros.

O gasto en investigación e desenvolvemento (I+D) ascendeu a 962,8 millóns de euros na Galiza en 2023, o que supón un incremento de 28,2% respecto aos 751 millóns de 2022. Desta maneira, é o maior incremento entre comunidades, segundo os datos publicados onte polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

Porén, en termos per cápita, o gasto en I+D habitante na Galiza foi de 355,7 euros en 2023, o que supón 100 euros menos que a media estatal de 460,2 euros. As comunidades con maior gasto por habitante foron Euskadi (925,5 euros), Madrid (862,3) e Catalunya (668,7).

Da mesma maneira, as comunidades coas maiores taxas de crecemento en gasto de I+D, despois da Galiza, foron  Asturias (28,1%) e Illes Balears (22,4%). Pola contra, o menor aumento foi en Castela-A Mancha (6%).

Datos estatais

A nivel estatal, o gasto en actividades innovadoras alcanzou os 22.379 millóns de euros en 2023, o que supuxo un aumento de 15,8% respecto ao ano anterior. Este gasto representou 1,49% do Produto Interior Bruto (PIB). Por actividade, o sector Empresas representou a maior porcentaxe sobre o gasto en I+D interna, con 56,4% (0,84% do PIB). Seguiulle Ensino Superior, cun 25,5% (0,38% do PIB).

Pola súa parte, o gasto en I+D interna do sector Administración Pública supuxo 17,8% do gasto nacional (0,27% do PIB) e un 0,3% restante correspondeu ao sector Institucións Privadas Sen Fins de Lucro (Ipsfl).

Por último, o gasto en I+D aumentou un 15,7% respecto ao ano anterior no sector Empresas, un 13,6% en Ensino Superior e un 19,9% na Administración Pública.