O parón da térmica das Pontes golpea as contas de Endesa

Central térmica de Endesa nas Pontes.
Endesa declara un deterioro de activos por valor de 1.469 millóns de euros.

O anuncio de feche e cese de actividade da central térmica das Pontes pasoulle factura a Endesa, que viu como o seu beneficio caía 87,9% en 2019, até os 171 millóns de euros. A compañía enerxética cargou aos resultados do pasado ano un deterioro de 1.469 millóns de euros polas súas centrais de carbón (a das Pontes e Litoral, en Almería), á que hai que sumar 404 millóns de euros polas centrais extrapeninsulares, como consecuencia do cálculo da retribución pola actividade de produción de enerxía eléctrica para o período 2020-2025, que sufriu unha diminución significativa nesta retribución regulada

O grupo rexistrou un impacto no seu beneficio neto por importe de 1.409 millóns de euros dos que unha parte corresponden aos activos de xeración térmica peninsular de carbón (1.105 millóns de euros) polo cese das centrais e a ausencia de perspectivas de futuro debidos ás condicións de mercado e, doutra banda, aos activos nos territorios extrapeninsulares (304 millóns). 

Con todo, desde Endesa destacan que o deterioro contable non ten impacto no beneficio neto ordinario da compañía e, por conseguinte, tampouco na retribución aos accionistas a través do dividendo. 

Por riba das previsións

O Beneficio ordinario neto do grupo dirixido por José Bogas acadou os 1.562 millóns de euros, o que supón 3% que hai un ano. Neste sentido, a compañía destacou un feche do ano "por riba" dos obxectivos anunciados ao mercado no seu plan estratéxico, que prevían para 2019 ese beneficio ordinario en torno aos 1.600 millóns de euros y un resultado bruto de explotación (Ebitda) duns 3.800 millóns de euros, e que finalmente foi de 3.841 millóns de euros, 6% máis que en 2018.

Para 2020, o grupo estima un incremento do beneficio neto ordinario de 1.700 millóns de euros e do Ebitda até os 3.900 millóns de euros.